CENTROS SOCIOCULTURAIS

Comezou a Semana Cultural da Rocha

24/09/2013 A Concellería de Centros Socioculturais colabora un ano máis na Semana Cultural da Rocha, que cumpre a súa IX edición. Organizada polas sempre activas Asociación Cultural A Rocha Forte e Asociación de Veciños da Rocha Vella "Serafín Zas", desenvolverase no Local Sociocultural da Rocha do 24 ao 28 de setembro. O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, e outros membros da Corporación asistiron á apertura destas xornadas.

Esta Semana Cultural ofrece un completo programa que, un ano máis, pretende poñer en valor a riqueza patrimonial da Rocha. A literatura galega e mesmo a moda son tamén protagonistas desta edición, que volve a coincidir no tempo coas festas parroquiais en honor de Santa Eufemia.

O programa de actividades arrincou coa apertura de dúas exposicións. A primeira titúlase Querido Balbino e a inauguración contou coa asistencia de Xosé Neira Vilas, autor da novela Memorias dun neno labrego. A mostra ten como comisario a Luís Reimóndez.

A outra exposición leva por título Luces e sombras na pedra, colección de deseño de moda. A súa autora, Eva Bouzas, veciñas da Rocha, presentou o seu traballo.

Ademais do concelleiro e dos protagonistas das mostras, asistiron a este acto inaugural o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e os presidentes das asociacións veciñal e cultural, Manuel Moure e Carlos Delgado. Coordinou o acto Xosé Ramón Fandiño.

A programación continúa o xoves 26 de setembro ás 17:30 horas, cunha visita guiada e aberta ao xacemento do Castelo da Rocha Forte, conducida pola arqueóloga María José Bóveda. Os participantes poderán ver a evolución dos traballos de escavación que se realizan actualmente.

Para o venres 27, ás 20:00 horas, está prevista unha conferencia do arquitecto Iago Seara co título O patrimonio cultural da Rocha Vella: O Camiño Portugués a Santiago e o Castelo da Rocha Forte o seu paso pola Rocha.

Finalmente, o sábado 28, data da festa patronal na honra de Santa Eufemia, preparouse unha tarde lúdica para todos os públicos. Ás 17:00 horas, vez para o xogo da chave, os inchables e o futbolín humano. Dúas horas despois, misa na honra de santa Eufemia e, a continuación, mostra de danzas do mundo a cargo da Escola de Danza As Feiticeiras. Tamén haberá unha sardiñada popular amenizada musicalmente polo Dúo Marea.

Direcciones relacionadas



Compartir: