CULTURA

O teatro e o concerto de Lhasa, estrelas da programación cultural para abril

01/04/2005 O concelleiro de Cultura de Santiago, Néstor Rego, presentou a programación do seu departamento para o mes de abril, na que o teatro ocupa un lugar destacado pero na que tamén son salientables o retorno do ciclo Sons da Diversidade coa canadense Lhasa, os concertos de música clásica e didácticos ou a presentación do novo espectáculo do Ballet Rei De Viana Lumieira.

No mes de abril haberá 25 días nos que poderemos acudir a algunha das obras de teatro que se programan nos diferentes espazos culturais da cidade. No Teatro Principal representarase Círculo de Suso de toro pola compañía Teatro de Ningures. O Principal tamén acollerá Defendiendo al cavernícola de Rob Becker e con Nancho Novo no reparto. Na Sala Nasa poderemos ver durante todo o mes Tío Vania de Factoría Teatro, e á compañía portuguesa Útero Teatro presentará Amor Cru dentro do ciclo Portugal&cia. Na Sala Yago Talía Teatro representará A paz do crepúsculo e na Galán Belmondo Jean Paul de Borja Fernández. Ademais entre o 12 e 0 16 o IGAEM organiza a Feira do teatro de Galicia.

O ciclo Sons da Diversidade regresa o 1 de maio coa canadense de orixe mexicana Lhasa, que presentará o seu disco The Living Road. Nominada en tres categorías (premio ao mellor disco do continente americano, premio ao mellor disco de mestizaxe e premio da crítica) dos Premios BBC/Radio 3 co seu disco The Living Road, Lhasa ten como modelos a músicos da talla de Billie Holiday, Chavela Vargas, Björk, Tom Waits ou Jacques Brel. Pero, sen dúbida, o que máis chama a atención dela é a súa presenza. Lhasa canta en inglés, francés e castelán, e o seu segundo disco, The Living Road, está acaparando a atención de crítica e público.

En canto á música clásica, a Real Filharmonía de Galicia dará tres concertos do programa de abono do Auditorio e a orquestra sinfónica de Melide dará un concerto benéfico a favor da asociación Down Compostela. Ademais como todos os meses celebraranse os concertos da Banda Municipal de Música e os concertos didácticos a cargo da Banda e da Real Filharmonía.

Pola súa parte, a danza virá da man do Ballet Rei de Viana, que presentará o seu novo espectáculo Lumieira. Ademais Antón Lopo presentará o seu libro Libro dos amados , sétimo volume da colección Poeta en Compostela.

Documentos relacionados



Compartir: