CULTURA

Máis de 40 propostas no Programa Didáctico do Auditorio para o curso 2013-2014

24/09/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou presentaron aos medios o Programa Didáctico do Auditorio de Galicia para o curso 2013-2014. Este programa está moi ampliado para este curso cun total de 107 funcións de 42 propostas distintas de concertos, representacións teatrais e espectáculos de variados estilos dirixidos a escolares de todas as idades, dende a Educación Infantil ata o Bacharelato.

Dende a súa fundación, o Auditorio de Galicia programa cada temporada un ciclo de concertos didácticos dirixidos a escolares de Santiago e de toda Galicia que abrangue un amplo abano de idades. Ademais, dende hai uns anos, este programa de música compleméntase con propostas didácticas doutras disciplinas artísticas. Organizados a modo de sesións pedagóxicas, os programas adáptanse ás diferentes franxas de idade e promoven o coñecemento de música de diferentes estilos, danza, teatro, títeres, maxia… Con cada proposta didáctica ponse a disposición dos centros escolares guías didácticas para traballar na aula cos seus mestres con anterioridade á asistencia ao evento.

O Programa aproveita os recursos propios e polo tanto ten como protagonistas á Real Filharmonía de Galicia e á Banda Municipal de Música, aínda que tamén se ofrecen propostas de outras agrupacións tanto musicais como teatrais ou doutros xéneros. Desenvólvese maiormente no Auditorio de Galicia, Teatro Principal e Zona C, aínda que algúns proxectos especiais son noutros lugares: Centro Galego de Arte Contemporánea, Escola Municipal de Música, Conservatorio Profesional de Música ou o CSC de Santa Marta.

O pasado 11 de setembro mandouse a todos os centros educativos a proposta didáctica que agora se presentou aos medios e xa foron moitos os centros que anotaron aos seus alumnos e alumnas a estes eventos. Na páxina web www.compostelacapitalcultural.org está o listado de prazas adxudicadas, ademais do listado de eventos para os que aínda non se cubriron todas as prazas e para os que, polo tanto, o prazo de solicitude permanece aberto.

Na ficha de cada proposta que se pode consultar na web pódese tamén descargar a guía didáctica correspondente para que os profesores teñan material para traballar cos alumnos antes e despois da asistencia ao evento.

Este Programa Didáctico verase complementado polo programa Infantil& Familiar que se presentará nos vindeiros días, xa que moitos dos eventos didácticos terán unha ou varias funcións abertas, de tal modo que aquelas familias que así o decidan poidan levar os nenos e nenas a estes espectáculos en horario fóra do centro escolar e pola súa propia conta.

Compartir: