FACENDA

O Concello habilita máis de 600.000 euros do seu remanente para investimentos

24/09/2013 A concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, informou sobre os puntos tratados na Comisión de Presidencia, Réxime Interior, Facenda e Especial de Contas. O principal asunto, que será sometido á aprobación do Pleno municipal, foi a habilitación de partidas extraordinarias por un importe total de 628.000 euros para investimentos, procedentes do remanente positivo do exercicio 2012.

Do total de 628.000 euros, 560.000 serán destinados á redacción de proxectos para 2014 e á execución dalgúns proxectos xa en marcha. Así, segundo explicou a concelleira de Urbanismo, María Pardo, vaise avanzar na redacción dun importante número de proxectos, co fin de que, unha vez se teña o orzamento de 2014, se poidan executa rde inmediato. Serán obras que afectarán, fundamentalmente, ao Ensanche, ao medio rural e aos barrios.

Outra parte desa partida de 560.000 euros destinarase á execución de actuacións xa proxectadas, como a cuarta fase das obras de mellora en calzadas e beirarrúas do Ensanche, e outra sobras nos barrios e parroquias.

A este crédito extraordinario súmase outro de 15.000 euros para a instalación de pasamáns en escaleiras e ramplas da cidade histórica. Preténdese a instalación de elementos que favorezan o tránsito peonil en lugares con pendentes e que presentan dificultades para persoas con mobilidade reducida ou de avanzada idade. Indicou María Pardo que se trata dun avance dun plan de mellora da mobilidade moito máis amplo que se levará a cabo en 2014.

Tamén se habilitarán outras dúas partidas de investimento: unha de 23.000 euros para o acondicionamento exterior da ludoteca de Fontiñas e outra de 30.000 euros para obras no medio rural.

Remanente positivo de tesourería
Lembrou Cecilia Sierra que a habilitación deste crédito extraordinario é posible grazas á boa xestión económica do Goberno municipal, que permitiu obter 1.890.310 euros de remanente positivo de tesourería no exercicio 2012. Unha vez autorizada polo Goberno central a posibilidade de destinar este remanente a financiar investimentos, o Concello empregará máis dun millón de euros a este fin. O resto do remanente, uns 950.000 euros, empregaranse en saldar todas as facturas pendentes de exercicios anteriores.

Compartir: