ALCALDÍA

O alcalde recibiu a Olga Rostropovich, convidada de honra do Festival Peregrinos Musicais

24/09/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, recibiu e a Olga Rostropovich, no marco do III Festival Internacional Peregrinos Musicais, que se celebra do 22 ao 27 de setembro. A filla do mestre Mstislav Rostropovich é a convidada de honra do certame, promovido pola Asociación Peregrinos Musicais co apoio do Concello de Santiago e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Olga Rostropovich está en Santiago presentar e representar o centro de ópera que leva o nome da súa nai, Galina Vishnevskaya. Os seus solistas serán protagonistas da gala lírica que terá lugar o xoves 26 de setembro no Teatro Principal.

Ángel Currás expresou a satisfacción que lle producía recibir a Olga Rostropovich, "non só pola importancia dela mesma, senón tamén por ser filla do mestre Rostropovich, que actuou en Compostela en dúas ocasións, unha delas na praza da Quintana". Neste sentido, pediulle que "volva en máis ocasións a Santiago".

A gala lírica do 26 de setembro forma parte do Festival Peregrinos Musicais, unha oportunidade para que os músicos noveis de Galicia poidan traballar conxuntamente con músicos novos procedentes de Rusia e, ao mesmo tempo, reforzar a súa formación ao lado doutros músicos xa consolidados.

O completo programa musical e de concertos arrincou o domingo 22 de setembro co concerto inaugural no Hostal Reis Católicos de Santiago de Compostela a partir das 19:30 horas. Despois de pasar pola Estrada e por Vigo, o Festival terá a súa seguinte cita na Catedral de Santiago. Será o mércores 25 nun concerto que terá lugar a partir das 21:00 horas.

O concerto de clausura será o venres 27 de setembro no Auditorio de Galicia ás 21:00 horas. Nel, as novas promesas terán a oportunidade de subir ao escenario acompañados da Real Filharmonía de Galicia, baixo a batuta de Maximino Zumalave.

Compartir: