CONSORCIO

O Consorcio de Santiago dá conta do reinicio das obras da rehabilitación do antigo curtidoiro de Pontepedriña

23/09/2013 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás, presidiu a Comisión Executiva e o Consello de Administración do ente interadministrativo. Nelas, aprobouse a Conta Xeral do Consorcio correspondente ao exercicio 2012. Así mesmo, deuse conta do reinicio das obras de rehabilitación do antigo curtidoiro de Pontepedriña de Arriba, e a súa adecuación como sede do Centro Nacional de Formación en Materia de Rehabilitación, mediante unha encomenda de xestión á empresa Tragsa. De feito, a acta de replanteo foi asinada pola xerencia do Consorcio de Santiago o pasado venres 20 de setembro e está previsto que as obras se reanuden de maneira inmediata, de modo que a primeira fase da obra, á correspondente ao Consorcio, estea rematada en 10 meses.

Na mesma reunión tamén se deu conta da adxudicación á unión temporal de empresas Halcón Viajes-Viajes Fisterra-Monfobús da xestión do Palacio de Congresos, cuxa proposta foi a mellor valorada seguindo os criterios de adxudicación do prego de condicións que rexiu o proceso de contratación. O servizo comezará a prestarse a partir do 1 de outubro.

Por outra parte, os membros da Comisión aprobaron a renovación do convenio polo cal o Consorcio de Santiago cede á Universidade de Santiago o uso do edificio coñecido como Casa de Europa, ubicado no Parque de Vista Alegre e que se destinará a Centro Singular en Investigacións en Humanidades e Ciencias Sociais. A cesión será por 30 anos.

Tamén se aprobou un convenio para o desenvolvemento do programa FASUDIR, polo cal o Consorcio de Santiago pasará a ser un dos 11 socios membros do proxecto, cuxo obxectivo é o de crear unha ferramenta que facilite a toma de decisións á hora de levar a cabo a rehabilitación enerxética dun barrio ou distrito. A Unión Europea seleccionou as cidades de Santiago, Munich e Budapest, para que as súas actuacións en materia de rehabilitación sirvan de modelo para outras actuacións a nivel europeo.

Por último, a reunión foi a primeira na que participou a inspectora xeral do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas Carmen Alcalá, quen substitúe na Comisión Executiva a Angelina Trigo.

Compartir: