TURISMO

Área Santiago formúlalle a Turismo de Galicia as súas propostas de promoción

23/09/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, xunto coa concelleira de Turismo, Reyes Leis, asistiron á xuntanza do Grupo Área Santiago coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Os representantes dos 19 concellos integrantes do Grupo conversaron coa directora de Turismo sobre as posibilidades de colaboración económica en torno ás liñas de traballo que se queren seguir dende Área Santiago, que une a 19 concellos que suman unha poboación de 270.000 persoas, practicamente o 10% da poboación de Galicia. Así, estase a desenvolver un Plan de Acción para o período 2013 – 2015, que foi aprobado polo conxunto dos 19 concellos e que marca as liñas estratéxicas que se consideran fundamentais para promocionar conxuntamente o territorio.

Nestes intres estase a traballar en cuestións como a páxina web, un mapa conxunto, programas educativos ou a presenza na próxima Fitur. Ademais, os concellos seguen a buscar a forma xurídica máis apropiada cun triple obxectivo: facer máis áxil a xestión do grupo, poder presentarse a subvencións e concursos, e recibir financiación directa doutras administracións para aqueles proxectos que poidan ser de interese para o desenvolvemento turístico da zona.

Os concellos que compoñen Área Santiago son: A Estrada, Ames, Arzúa, Boqueixón, Brión, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces.

Compartir: