CULTURA

Chega a Compostela unha nova edición do Festival Internacional de Títeres Galicreques

23/09/2013 Máis de sesenta actuacións, microteatro de títeres, mesas redondas, obradoiros e exposicións forman parte da variada oferta do Galicreques, que dende o sábado 28 de setembro e ata o 6 de outubro inundará de títeres prazas e teatros de Compostela.

No acto de presentación do Festival, celebrado en Raxoi, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, destacou a aposta da Consellería por una nova cita do Festival Galicreques "para distinguir o seu interese xeral, a súa singularidade e a relevancia artística da súa carteleira." "O Galicreques é un festival con personalidade, integramente conformado por producción de teatro de títeres, o que o identifica e lle outorga unha marca propia dentro do panorama da escena galega", sinalou.

José Victor Carou, director-xerente do Auditorio de Galicia, destacou a presenza internacional do Festival, que este ano trae a máis de 20 compañías de Arxentina, Uruguai, Colombia, México e Chile. Carou sinalou o especial interese da obra O romance dos figos de ouro, de Roberto Vidal Bolaño neste seu ano, adaptada por Títeres Cachirulo.

O Festival conta este ano cunha programación especial para bebés, con dous espectáculos en carteleira: Nanas del mundo e èm]Cu-cu, tas-tas. Outra novidade é o Microteatro que se desenvolverá en A Regadeira de Adela.

O director do Festival, Jorge Rey, salientou os espectáculos que abren e pechan esta cita, destinados a un público amplo. Abrirá o Galicreques o sábado 28 unha versión especial de La caperucita Roja, da compañía Los Claveles, que vén de recibir o premio ao mellor espectáculo infantil no FIT Almaty de Kazajastán. O peche do festival virá a cargo da compañía chilena La Mona Ilustre" coa obra Las cosas también tienen mamá, unha proposta moi vangardista que mistura o teatro de títeres con actores.

Rey informou da variedade das actividades paralelas. Xa hai dúas exposicións promocionando o Galicreques, que se poden ver na Casa das Asociacións e na Biblioteca nodal. Ademáis, visitará o festival un maestro de dramaturxia de títeres, o uruguaio Javier Peraza, quen impartirá un curso de guión. Nas mesas redondas presentarase o libro de Xaime Iglesias José Silvent Martínez, o mítico Barriga Verde. Tamén se presentarán os Premios Barriga Verde de textos.

Este ano o Premio Galicreques homenaxeará á compañía andaluza La Gotera de Lazotea pola súa traxectoria e pola súa liña de traballo creativa e innovadora baseada na tradición popular de teatro de monicreques. Esta é ademáis una edición especial para o Festival, en canto acollerá o Congreso UNIMA Federación España.

Os espazos do Galicreques serán: Teatro Principal, Arteria Noroeste (SGAE), A Regadeira de Adela, praza do Toural, praza de Praterías, praza Roxa, paseo central da Alameda, praza de Abastos e Zona C.

Entradas
As entradas para o festival pódense adquirir nos propios espazos. Para o Teatro Principal, a SGAE Fundación Autor e Zona C pódense reservar tamén no punto de información que se habilitará no Toural e no teléfono 667 771 147. Os prezos son de 5 e 3 euros en función do espazo. Tamén haberá bonos.

O Festival Internacional de Títeres Galicreques está organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde coa colaboración do Concello de Santiago; AGADIC, Axencia Galega das Industrias Culturais; INAEM, Instituto das Artes Escénicas e Musicais do Ministerio de Educación e Cultura; Iberescena e Fundación Autor da SGAE.

Direcciones relacionadas



Compartir: