CULTURA

Elizabeth Watts, protagonista do concerto 20º aniversario do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España

20/09/2013 A soprano Elizabeth Watts e o pianista Roger Vignoles ofrecen un concerto o martes 24 de setembro, ás 21:00 horas, no Hostal dos Reis Católicos. Será o concerto de celebración do 20º aniversario do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España e, ademais, suporá tamén a clausura do XIV Ciclo de Lied. As entradas serán de balde e todos aqueles interesados en asistir poden recollelas xa na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas.

Dende o ano 2000, preséntase en setembro en Santiago o Ciclo de Lied, único en Galicia e mesmo en España, que se caracteriza pola orixinalidade á hora de presentar cada ano unha visión diferente do escasamente difundido xénero musical do lied e a canción de cámara. O seu cartel está cheo de cantantes de sona no panorama da lírica internacional. Ao longo destes doce anos pasaron polo Teatro Principal figuras e especialistas de recoñecido prestixio como Angelika Kirchschlager, John Mark Ainsley, Camilla Tilling, Mark Padmore, Bernarda Fink, Thomas Allen, François Le Roux, Monica Groop, Sarah Walker, Robert Hall, Measha Brueggergosman, Werner Güra, Sandrine Piau, Christoph Pregardien, etc.

Peza angular desta programación é un dos grandes e máis recoñecidos especialistas no xénero, o pianista inglés Roger Vignoles, que é codirector artístico do Ciclo de Lied compostelán. Para a edición do 2013 e coincidindo co centenario do nacemento dun dos grandes mestres da canción do século XX, Benjamin Britten, presentouse un programa moi especial no que se conmemora a este compositor inglés que ocupa un posto primordial na historia da música situándoo no seu contorno artístico, o dunha fecunda escola de composición de canción, a inglesa, que apenas tivo difusión fóra das illas británicas.

Unha oportunidade única para gozar dun fermoso, rico e descoñecido en España patrimonio musical da man de intérpretes de contrastada reputación internacional e coñecedores especialistas tanto do xénero do lied como do rico patrimonio musical que os compositores do seu pais aínda seguen a producir: o tenor James Gilchrist, o barítono Roderick Williams e, finalmente, o martes 24, a soprano Elizabeth Watts. Neste Ciclo de Lied temos a oportunidade de escoitar aos grandes mestres da canción británica dos séculos XIX e XX, con Benjamin Britten á cabeza, xunto a obras de autores contemporáneos vivos como Elaine Hughes ou do recentemente falecido Richard Rodney Bennett.

Compartir: