SEGURIDADE CIDADÁ

A noite deste xoves deixou un balance de menos sancións por consumo na vía pública e por ruído en pisos respecto ao xoves anterior

20/09/2013 O concelleiro de Seguridade Cidadá, Luis Bello, fixo un balance policial dos dous primeiros xoves de lecer nocturno dende o inicio do curso universitario. O edil valorou o efecto disuasorio dos controis policiais e das sancións impostas, xa que se constatou unha redución significativa no número de infraccións, tanto por consumo de alcohol na vía pública como por ruídos en pisos do Ensanche.

Polo que se refire ao consumo de alcohol na vía pública, se na primeira noite de xoves do curso universitario se tramitaran 43 propostas de sanción, nesta última noite só se realizaron tres propostas de sanción. Tamén importante foi a redución das propostas de sanción a raíz de denuncias por ruídos en pisos, pasando dos 26 expedientes abertos a partir da noite do 12 de setembro ás 11 sancións impostas pola ultima noite de xoves. Respecto a estas sancións por ruídos, indicou que en ningún caso se produciu reincidencia nos denunciados.

Tamén apuntou que as concentracións de persoas que se produciran na primeira noite no Campus Sur e en Conxo non se deron nesta ocasión. Unicamente, dixo, "houbo que disolver unha concentración de xente na rúa de Santiago del Estero á saída dun local nocturno, que chegou a cortar a vía".

Luis Bello lembrou que todas estas sancións, que no caso dos ruídos son de 100 euros, comezarán a chegar en breve aos domicilios dos denunciados. Indicou que se seguirán realizando controis e unha vixilancia máis intensiva nas noites dos mércores e dos xoves.

Compartir: