CULTURA

Pablo Guerrero celebra os seus 40 anos de carreira cun concerto no Teatro Principal

20/09/2013 O Teatro Principal acollerá este sábado 21 de setembro o concerto do cantautor estremeño Pablo Guerrero, no que presentará Lobos sin dueño, unha antoloxía da súa obra que celebra os 40 anos de A cántaros, o seu primeiro disco. Será a partir das 21:00 horas nun concerto enmarcado dentro do ciclo Íntimo & Acústico, no que tamén poderemos escoitar a Bigott o 26 de setembro e a Luís Emilio Batallán o 17 de outubro.

Este 2013, Pablo Guerrero (Esparragosa de Lares, Badajoz 1946) publicou Lobos sin dueño. Antología personal. Cuarenta años de "A cántaros", con 3 CDs e 40 cancións remasterizadas e presididas por "Los sueños son posibles". Guerrero seleccionou persoalmente 40 das cancións máis emblemáticas e significativas da súa carreira. Entre elas hai tres inéditas gravadas exclusivamente para esta antoloxía ("Serenata para Lola", "Amazona" e "Golpe de sombra"), e outras tres clásicas, sempre presentes nos seus concertos, que se volveron gravar para a ocasión ("A cántaros", "Sueños" e "Sueños sencillos").

40 cancións para 40 anos. En 1972, Pablo Guerrero lanzou "A cántaros", unha canción que se converteu en clásica, en himno interxeracional para soñar tempos mellores: "Tiene que llover a cántaros". É a canción que, na súa versión orixinal, abre Lobos sin dueño e que tamén pecha a antoloxía na nova gravación na que cantaron artistas convidados como Ismael Serrano, Lourdes e Luis Pastor, Cristina Lliso, Álvaro Urquijo, Olga Román, Olga Manzano e Manuel Cuesta.

Corenta anos de A cántaros é un excelente motivo para recuperar a obra máis esencial do cantante e compositor estremeño que, durante estas catro décadas, dedicouse á pequena artesanía de facer cancións, a coidar as palabras, a gravar discos como un alquimista musical. Afastado de tópicos, Pablo Guerrero foi debullando unha obra traballada minuciosamente, esa persoal música poética que publicou tranquilamente, con parsimonia, alternándoa coas edicións dos seus libros de poemas durante unha das carreiras máis longas e profundas da música española.

As entradas para Guerrero -12 € anticipada e 15 € o día do concerto- poden mercarse en Novagaliciabanco (entradas.novagaliciabanco.es ou 902 434 443) ou na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas.

Direcciones relacionadas



Compartir: