ECONOMÍA

Máis de 300 persoas dos cinco continentes participarán en Santiago nas Xornadas Internacionais de Coaching

20/09/2013 O Pazo de Raxoi acolleu a presentación das Xornadas Internacionais de Coaching, que por quinta ocasión se celebran en Santiago. Na presentación participaron a concelleira de Economía, Reyes Leis; o fundador do Instituto Ben Pensante, Daniel Álvarez; e o director de zona de BBVA de Santiago, Luis Miguel Escámez.

As Xornadas Internacionais de Coaching (XIC) celebran os días 18 e 19 de outubro en Santiago de Compostela a súa V edición baixo o lema "Camiñando Xuntos". Este ano, ademais, o evento acollerá o Congreso internacional da International Coaching Community (ICC), que xa foi celebrado en cidades como Londres, Sao Paulo, Bogotá e Lisboa. International Coaching Community (ICC) é una das principais organización de Coaching do mundo, e formou xa a máis de 8.000 coaches en 60 países. O congreso conta co patrocinio do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia.

Máis de 300 persoas de todos os continentes asistirán a esta edición, o que a converte nun referente mundial para experimentar un desenvolvemento persoal e de aprendizaxe, coa poderosa ferramenta do coaching.

A V edición do XIC demostra que este evento celebrado en Galicia é un evento totalmente consolidado, tanto a nivel nacional coma internacional. Nesta edición e para conmemorar o seu quinto aniversario, contará cos máis prestixiosos coaches españois. Do mesmo modo, o ámbito empresarial estará representado por empresarios de recoñecido prestixio, que partindo das súas experiencias servirán de referencia e de estímulo a tódolos asistentes.

O obxectivo perseguido polo Congreso Internacional de ICC é compartir e aportar experiencias e coñecementos no ámbito do desenvolvemento das persoas, partindo da súa visión do coaching. É a primeira vez que España conta con este evento de carácter internacional.

Destacados relatores de ámbito internacional
O programa dos dous días de congreso está composto por unha ampla diversidade de actividades para garantir o seu dinamismo. Hai charlas, mesas redondas, talleres e sesións de coaching en directo, cunha explicación dos principais aspectos da sesión para una perfecta comprensión do que é o coaching na práctica.

Como gran aliciente, inclúe unha masster class de Joseph O’Connor, considerado un dos cinco pioneiros e principais pensadores do coaching.

Ademais de O’Connor, entre os relatores atópanse destacadas figuras do mundo do coaching a nivel nacional e internacional, entre as que destacan Andrea Lages, escritora de best-sellers de coaching; Lars-Eric Uneståhl, creador do "Modelo sueco de adestramento mental", aplicado en moitas universidades suecas; Ricardo Escobar, director xeral de LIM Internacional (México) ou Alexandra Lemos, trainer de ICC en Portugal e socia de Mindcoach Ltd. Dentro do panorama nacional, o XIC2013 contará coa presenza de Gustavo Bertolotto, fundador do Instituto de Potencial Humano, ou Gregory Cajina, escritor de libros de emprendemento persoal.

O teu Camiño. Conecta coa túa mellor versión
O Camiño de Santiago é o grande inspirador de "O teu Camiño", que xira ao redor do percorrido de tres etapas do Camiño, entre O Cebreiro e Santiago, do 13 ao 17 de outubro, por parte de 50 congresistas dos cinco continentes, que confluirá no Congreso Internacional de Coaching XIC ICC 2013. Esta experiencia, que está patrocinada por BBVA, permitiralles conectar coa súa mellor versión dunha maneira profunda.

Contará coa boa compaña de moitos dos relatores que se atoparán logo no Congreso, coma Itxaso Gurrea ou Techu Arranz, ademais de personalidades relacionadas co Camiño, coma Antón Pombo, Manuel Rivero ou Carlos Sánchez-Montaña e outros realatores coma Iago Santalla. Estas persoas serán as encargadas de desenvolver as máxicas veladas do programa. O público en xeral pode asistir ás veladas, momentos máxicos nos que se compartirán experiencias pola parte dos poñentes e camiñantes, nun entorno de crecemento persoal como fin da xornada do Camiño, e usando técnicas de coaching.

Compartir: