MULLER E IGUALDADE

Presentada a convocatoria de subvencións para actividades en prol da muller

20/09/2013 A concelleira de Muller e Igualdade, María Castelao, anunciou a próxima publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da convocatoria de subvencións para o fomento de actividades e do movemento asociativo de mulleres. Este programa de axudas está incluído no III Plan de Igualdade do Concello de Santiago.

Segundo explicou María Castelao, o obxectivo desta convocatoria é fomentar actividades que favorezan o desenvolvemento integral da muller, promovan a súa participación activa en todos os eidos da sociedade e fagan efectiva a igualdade entre homes e mulleres. Deste xeito, incentivaranse actividades de sensibilización sobre a igualdade de oportunidades, de corresponsabilidade nos fogares, de formación no eido rural, de promoción da saúde e do benestar xeral, de actividades físicas para unha mellor calidade de vida, de fomento da participación en actividades de lecer ou de promoción do acceso ás novas tecnoloxías.

Estas axudas están fundamentalmente destinadas a asociacións de mulleres, secretarías da muller de sindicatos e vogalías da muller de asociacións veciñais. A propósito destas últimas, a concelleira lembroulles a estas entidades a posibilidade de crear vogalías da muller, sobre todo tendo en conta que moitas delas xa realizan regularmente actividades destinadas prioritariamente ás mulleres.

As actividades obxecto de subvención son aquelas realizadas entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2013. O importe máximo da axuda será de 1.500 euros. O importe total do programa alcanza os 17.000 euros.

A presentación de solicitudes realizarase no prazo de dez hábiles dende a publicación da convocatoria no BOP, prevista para os vindeiros días.

Na convocatoria de 2012, as entidades beneficiarias foran a Asociación de Viúvas Rosalía de Castro, a Asociación Profesional para a Calidade na Formación, a Asociación de Persoas Xordas, a Asociación de Empregadas do Fogar "Xiara", a Asociación Plataforma polo Emprego, a Vogalía da Muller da Asociación de Veciños Ponte do Romaño – San Xoán de Afora, Sindicato Labrego Galego e Vogalía da Muller da Asociación de Veciños "Camiño de Santiago".

Compartir: