EMPREGO

Comeza a campaña de información do Programa de Cualificación Profesional do Urbana Santiago Norte

20/09/2013 A concelleira de Emprego, Reyes Leis, visitou no cruceiro de San Pedro un dos sete puntos de información do Programa de Cualificación Profesional do Urbana Santiago Norte, que estarán en funcionamento os días 20, 21, 23 e 25 de setembro. Presentou deste xeito unhas accións que teñen como obxectivo que os os traballadores e traballadoras desta área poidan mellorar a acreditación das súas competencias profesionais e tamén a súa formación, para incrementar a súa capacidade de inserción no mercado laboral. O programa inclúe para este ano máis de 23 actividades formativas.

Os cursos buscan a mellora do perfil e potencial profesional da poboación activa da área do USN, especialmente persoas adultas sen formación básica e profesional acreditada e persoas inmigrantes, sen formación ou con acreditacións profesionais non homologables. As actividades xirarán en torno a tres polos: o desenvolvemento de competencias, as estratexias para buscar traballo e a preparación dos procesos de acreditación e homologación da formación.

Están programadas 23 actividades para o ano 2013. Realizarase formación en materias como informática, idiomas, prevención de riscos laborais, guindastre móbil, instalador de gas, operador de carretillas elevadoras, operador de retroescavadora, permiso BPT, CAP preparación de probas en competencias clave ou ciclos formativos. Todas as actividades prevén a obtención de acreditacións recoñecidas, como: a Tarxeta Europea de Habilidades Informáticas, a Tarxeta Laboral da Construción, Certificado de Operador Carretillas pola UNE 58451 / UNE 58140, Certificación oficial CAMBRIDGE (PET), Carné de instalador/a Gas B, Permiso BPT, CAP ou Certificado de Competencias Clave Niveis II e III.

Puntos de información
Para a realización de todos os trámites de inscrición nas actividades formativas, entre o venres 20 e o mércores 25 de setembro, estarán a disposición dos interesados sete puntos de información distribuídos pola xeografía da área de USN:

- En Vista Alegre, no cruce da rúa Parque San Xoán.
- En Vite, na avenida de Castelao.
- En Guadalupe, na rúa de García Lorca.
- En Salgueiriños, na rúa de Melide.
- En San Pedro, na praza do Cruceiro.
- En Basquiños, na rúa Pastoriza.
- Na praza de Meixonfrío.

Esta actividade está incluída no proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: