BENESTAR SOCIAL

Continúan as xornadas formativas para hostaleiros sobre consumo sen alcohol

19/09/2013 A concelleira de Benestar Social, María Castelao, asistiu ao obradoiro de coctelería sen alcohol para hostaleiros impartido no marco das xornadas Que che apetece? Santiago Sen, organizadas pola Área de Servizos Sociais. Estas accións pretenden fomentar no eido da hostalaría orientada a xente nova as posibilidades de negocio que ten o consumo recreativo sen alcohol.

O obxectivo fundamental desta campaña é a protección da saúde, coa idea e reducir os consumos abusivos de alcohol no contexto recreativo e potenciar idea de a diversión nos locais de ocio no ten que ir necesariamente asociada co consumo de alcohol. As accións están destinadas ao sector hostaleiro, especialmente a aqueles locais de lecer nocturno que teñen como clientes a mozos e mozas. Así, deseñouse un programa de formación, baixo o título de Consumo Sen, que inclúe tres eixes de actuación.

O obradoiro de coctelería sen alcohol é a segunda acción formativa deste programa. En cada taller participan un máximo de 15 hostaleiros e desenvólvese os días 18, 19, 23, 25 e 26 de setembro. Encárgase destes talleres Diego Mosquera, vicepresidente da Asociación Galega de Barmen.

A primeira liña de actuación, xa rematada, pretendía dar a coñecer as vantaxes do Consumo Sen. Comprendeu formación sobre as vantaxes lexislativas deste tipo de consumo sen alcohol, con especial atención ás ordenanzas e á Lei do Menor; sobre a responsabilidade social do hostaleiro como valor social e empresarial; e sobre subvencións, axudas e necesidades do sector hostaleiro. Conduciu estas sesións o psicólogo Jacobo Peña, xefe de proxectos de Provoz.

Aínda queda unha terceira liña de formación, denominada Éxito Sen. Experiencias de triunfo empresarial. Neste caso trátase dunha xornada na que se relatará aos hostaleiros como outros compañeiros de profesión xa tiveron éxito empresarial e profesional grazas á Hostalería Sen. Celebrarase o 30 de setembro, de 18:30 a 20.00 horas e será conducida por Aser Álvarez, director de Comunicación e Marketing da Asociación Hostalería Compostela.

Materiais permanentes
Estas tres accións formativas reforzaranse con materiais audiovisuais, co obxectivo de que permanezan no tempo e que poidan pasar a formar parte de accións formativas permanentes e futuras que se lle ofreza ao sector hostaleiro. Esta campaña, cuxos resultados serán avaliados, é financiada (nun 70%) grazas a unha subvención do Ministerio de Sanidade procedente dos bens decomisados por tráfico de drogas e outro delitos relacionados. O custo total da acción é de 16.650 euros.

Compartir: