URBANISMO E XUNTA DE GOBERNO

O Concello elaborará unha nova ordenanza reguladora das condicións urbanísticas das infraestruturas de telefonía móbil

19/09/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, anunciou que o Concello vai elaborar unha nova Ordenanza reguladora das condicións urbanísticas das instalacións de telefonía móbil. Como paso previo, será debatida en Pleno a adhesión municipal ao Código de Boas Prácticas para a instalación de infraestruturas de telefonía móbil, subscrito pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) coas compañías de telecomunicacións. Este punto foi xa abordado na Comisión Informativa de Urbanismo, Infraestruturas, Vivenda e Medio Ambiente.

Segundo indicou a edil, a propia FEMP acompaña este código dunha ordenanza tipo, que será tomada como punto de partida para a elaboración da municipal, que será especialmente "estrita" no que se refire ao Casco Histórico. A FEMP tamén pon a disposición dos concellos o seu Servizo de Asesoramento Técnico Informático (SATI). En calquera caso, lembrou, a competencia municipal nesta materia só é de carácter urbanística, limitándose a cuestións como as distancias, as alturas, os tamaños ou o impacto visual.

A actual Ordenanza municipal reguladora das condicións urbanísticas para a instalación e funcionamento de elementos e equipos utilizados na prestación de servizos de radiocomunicación no Concello de Santiago de Compostela data do ano 2006. Algúns puntos da mesma xa foran anulados en 2009 en virtude dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Á vista dos avances tecnolóxicos producidos nesta materia nos últimos anos, o Goberno municipal considera necesario afrontar esta modificación.

Na mesma Comisión abordouse a aprobación inicial da modificación do Plan Parcial do SUNP-31 de San Marcos, no sentido de cambiar a cualificación dunha superficie de aproveitamento hoteleiro polo aproveitamento residencial.

Xunta de Goberno

María Pardo, na súa condición de voceira de Xunta de Goberno tamén deu conta dos asuntos tratados na mesma, entre os que destacou a aprobación dun convenio entre o Concello, a Cámara de Comercio e a Fundación INCYDE para a realización dun programa de creación e consolidación de empresas e autoemprego. O Concello achegará 9.000 euros a un proxecto que ten un custo total de 45.000 euros.

Ademais, acordouse solicitar unha prórroga para as obras do POS 2013 que afectan ás parroquias de Cesar, Verdía, A Barciela e San Caetano. No capítulo de licenzas, outorgouse a das obras do edificio destinado a cafetería na Alameda.

Finalmente, en materia deportiva, outorgouse, con carácter xenérico, á Delegación Local da Federación Galega de Fútbol, a utilización de equipamentos municipais (campos de herba artificial e pavillóns) para as súas actividades de fútbol e fútbol sala, tanto competitivas como de adestramento.

Documentos relacionados



Compartir: