CULTURA

Vargas Blues Band presenta en Compostela seu novo disco, "Heavy city blues"

19/09/2013 Comeza a programación do ciclo Blues Nite para este cuadrimestre coa Vargas Blues Band, que chega a Compostela para presentar o seu novo disco, Heavy city blues. Será este venres, 20 de setembro, na Sala Capitol e as entradas -12 € anticipada e 17 € o día do concerto- poden mercarse xa na billeteira do Teatro Principal, A Reixa Tenda e salacapitol.com. Tras a Banda chegarán ao ciclo Blues Nite Carvin Jones e os galegos Dixie Town, Thee Blind Crows, Psycothic Acid Freek e Adrián Costa.

O guitarrista Javier Vargas levaba tempo anunciando que o seu seguinte álbum ía ser o máis duro da súa carreira, sempre baseado no blues pero pondo os seus ollos esta vez no nacemento do hard-rock de finais dos anos 60, e empeza por notarse na arte frontal do CD que agora presentan. Inclúe unha versión do gran tema dos Everly brothers "Love hurt" e dez temas orixinais nos que se inclúen dous instrumentais. Heavy city blues chegou aos estantes das tendas o 20 de agosto e Javier conta de novo coa lendario batería Carmine Appice e co cantante Paul Shortino, que se reparten as cancións con Bobby Alexander.

Blues Nite, unha nova aposta polo blues
Blues Nite é un ciclo novo que o departamento de Cultura puxo en marcha este ano ao considerar que o blues ten forza suficiente como para ter un espazo propio na programación. Nel atopamos propostas de diferentes estilos de música todos arredor do blues e as súas variantes e fusións e puidemos escoitar xa neste ano a Guadalupe Plata, The Brew, Mighty Calacas, Little Mike & The Tournadoes e Bakin Blues Band.

Despois da Vargas Blues Band estará o guitarrista e cantante Carvin Jones presentando o seu novo disco, que gravou en España nos últimos meses con colaboracións de artistas españois. Acompañarano no escenario da Sala Capitol, o mércores 30 de outubro, Mike Calofano, baixo, e Gianpaolo Feola, batería.

Decembro será o momento para o blues con denominación de orixe galega e chegará á cidade The amazing blues caravan e o novo traballo de Adrián Costa, cantante e guitarrista de Los Reyes del K.O. The amazing blues caravan trae un concerto á Zona C de Bonaval o 6 de decembro, no que poderemos escoitar a tres grupos galegos potentes na escena actual do blues: Dixie Town (Compostela e Vigo); Thee Blind Crows (Pontevedra) e Psychotic Acid Freek (O Grove). A data e lugar para o concerto de Adrián Costa está sen confirmar.

Compartir: