CULTURA

Estrea de "Mornings", de Blanca Cendán e Suso Alonso, dentro do ciclo Teatro & Danza

18/09/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, Blanca Cendán e Suso Alonso presentaron na Zona C Mornings. Guateque global, cuxa estrea absoluta se celebrará na propia Zona C dentro do ciclo Teatro & Danza. Será en catro funcións, do xoves 19 ao domingo 22 ás 20:30 horas, agás o domingo, que será ás 19:30 horas.

Blanca Cendán e Suso Alonso, dirixidos por John Eastham, métense na pel dos mornings, uns personaxes atípicos que viven, senten e interactúan co público dunha maneira peculiar… Mornings é un espectáculo de teatro musical onde os protagonistas, os mornings, navegan nun contexto atemporal, pero inspirado na estética e na música dos anos 60, rescatando temas e versioneando a Rita Pavone, The Turtles, Mina e Adriano Celentano, Nancy Sinatra e Sandy Shaw, entre outros.

Os personaxes sitúanse nesta época co afán de recuperar a inocencia perdida, a ilusión daqueles anos que espertaban dun momento histórico tráxico e que significaban unha apertura de ideas e de liberación na moral que foi transmitida na arte, na moda e na música. Foi o momento da aparición dos primeiros aparellos de televisión nos pobos, das Vespas, da cadeliña Marilyn de Herta Frankel, do primeiro festival de Eurovisión, da apertura ao turismo na costa e doutras "vicisitudes" que enchían de influenzas inglesas, francesas e italianas a cultura do momento.

Un espectáculo interactivo, no que o público forma parte da escena. Recoméndase, encarecidamente, vestiario dos anos 60 por parte do público e pódese acudir en Lambretta, Vespa, 1500, Mini ou calquera medio de locomoción do momento. Haberá photo call e premio á orixinalidade.

Entradas á venda
As entradas poden mercarse na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas, ou na billeteira da propia Zona C os días de espectáculo a partir das 19:00 horas. O prezo é de 7 euros.

Compartir: