DEPORTES E EDUCACIÓN

O Concello convida os composteláns a un paseo pola cidade no XXIII Día da Bicicleta

18/09/2013 Os concelleiros de Deportes, Adrián Varela, e de Familia e Benestar Social, María Castelao, presentaron o XXIII Día da Bicicleta, que se celebrará o domingo 29 de setembro. Un ano máis, o Concello aposta por esta xornada de lecer, deporte e familia, que nesta ocasión terá a súa meta na praza central da Cidade da Cultura.

O Día da Bicicleta non é unha competición, senón unha oportunidade de pasear polas rúas de Santiago nunha xornada de lecer e convivencia. Nesta ocasión, optouse por facer un percorrido algo diferente ao doutros anos, con saída no Centro Comercial As Cancelas e chegada na Cidade da Cultura. Tanto Adrián Varela como María Castelao animaron os composteláns a sumarse a esta xornada, que quere contribuír a promover a práctica do deporte saudable na cidade.

As inscricións deberán realizarse no punto de información do Centro Comercial As Cancelas en horario de 10:00 a 21:00 horas. Os que se inscriban anticipadamente, entre o 18 e o 25 de setembro, recibirán un vale por unha camiseta, que poderán recoller no propio centro o día 28 (de 10:00 a 21:00 horas) e o día 29 (de 9:00 a 10:00 horas).

Os participantes tamén poderán inscribirse (sen dereito á camiseta) do 26 ao 28 de setembro e o mesmo día da carreira, o domingo 29, entre as 9:00 e as 10:00 horas, diante do centro comercial. En calquera caso, todos os inscritos entrarán no sorteo de agasallos que se realizará na praza central da Cidade da Cultura ao rematar o paseo. As persoas agraciadas deberán levar consigo no momento do sorteo o seu impreso numerado.

O uso do casco será obrigatorio para todos os participantes. Ao longo do percorrido haberá dous puntos de reagrupamento para reunir de novo todos aqueles ciclistas que queden retrasados. Ademais, TUSSA porá a disposición da carreira un autobús para recoller aqueles participantes que non se vexan capaces de realizar o percorrido na súa totalidade ou prefiran inicialo máis adiante.

Direcciones relacionadas



Compartir: