ALCALDÍA

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España concede o seu premio á Fundación Barrié

17/09/2013 O alcalde compostelán asistiu en Ávila á xuntanza extraordinaria da Asemblea de Alcaldes do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Nesta reunión, a proposta de Ángel Currás, aprobouse por unanimidade a concesión do premio do Grupo á Fundación Barrié de la Maza, pola súa defensa e apoio ao patrimonio, en particular polo traballo de restauración que esta levando a cabo no Pórtico da Gloria da catedral compostelá. O alcalde comunicoulle persoalmente esta decisión ao presidente da Fundación, José María Arias Mosquera.

Este premio, creado no ano 2008, pretende galardoar as institucións que teñan realizado un esforzo relevante e un traballo serio na identificación, conservación, estudo e preservación do legado histórico, patrimonio e artístico. Obtiveron o galardón en pasadas edicións o Centro de Patrimonio Mundial da Unesco (2008), o equipo de investigadores de Atapuerca (2009), a Fundación Santa María la Real de Aguilar de Campoó (2010), a Cidade de Morella (2011) e a Fundación do Patrimonio Histórico de Castela e León (2012).

Este galardón será entregado á Fundación o vindeiro 15 de novembro, na seguinte Asemblea do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, que se celebrará en Salamanca. A concesión deste premio e a aprobación do manifesto redactado con motivo do vixésimo aniversario do Grupo foron os principais puntos do día da reunión. Na mesma gardouse un minuto de silencio polas vítimas do accidente ferroviario de Angrois.

Tras a Asemblea, o alcalde compostelán asistiu á inauguración do novo espazo museístico do Palacio de Superunda ou Caprotti. Este edificio do século XVI, recentemente restaurado polo Concello de Ávila, albergará, entre outras, a colección pictórica do pintor italiano Guido Caprotti (Monza,1887-Ávila,1966), quen foi o último morador deste pazo.

Compartir: