CULTURA

A Real Filharmonía de Galicia comeza a nova temporada no Auditorio con arias de óperas dos grandes compositores do xénero

17/09/2013 A nova temporada da Real Filharmonía no Auditorio de Galicia comeza con arias de óperas dos máis grandes compositores deste xénero, Mozart, Rossini e Donizetti (Don Giovanni, O barbeiro de Sevilla, Lucrecia Borgia ou Anna Bolena, entre outras). Esta nova temporada de concertos está caracterizada polas novidades, a grande variedade de estilos, obras e autores e a aposta por continuar reforzando a proximidade da orquestra co público.

O primeiro dos concertos, que conta coa colaboración especial da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, terá lugar este xoves, 19 de setembro, ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia e suporá toda unha homenaxe á música de ópera. A RFG estará dirixida por Oliver Díaz e contará coa presenza da soprano Mariola Cantarero e o barítono Simón Orfila, que porán voz aos temas seleccionados para a estrea da nova temporada. A entrada custa 10 euros, ainda que será de balde para os abonados.

Este concerto presentouse nun acto público que contou coa presenza dos artistas protagonistas, Mariola Cantarero e Simón Orfila, que non dubidaron en sinalar á Real Filharmonía de Galicia como a mellor orquestra de España pola calidade do seu son e o bo facer dos seus músicos.

Os ensaios deste concerto van valer tamén para gravar un novo disco, que verá a luz nos próximos meses.

O próximo concerto celebrarase o 17 de outubro. Nel, Paul Daniel porase á fronte da orquestra acompañado da soprano Isabel Rey. A actuación contará tamén coa presenza do actor Quico Cadaval, quen fará de narrador en Egmont.

Principais novidades da temporada 2013-2014
A unión entre música e palabra será un dos eixos sobre os que xirará esta temporada, a primeira completa que lidera Paul Daniel como director artístico e titular. Esta palabra vai estar presente na figura do narrador nalgunhas obras como o Egmont, de Beethoven, As sete últimas palabras de Cristo na Cruz, de Haydn, ou no tradicional Concerto de Reis, un monográfico Satie. A maiores, impúlsase CONversamos con, unha iniciativa na que os directores e artistas comparten co público experiencias e información unha hora antes do inicio de cada concerto.

Ademais da presenza de directores e solistas de primeira liña, nesta nova temporada, a RFG presentará obras descoñecidas e pouco programadas, como por exemplo pezas de Louise Farrenc, Niels Gade ou Gaetano Pugnani, entre outras. En paralelo, tratarase de dar a coñecer a creadores de autores de vangarda coma Van der Aa, Brett Dean e compositores galegos coma Octavio Vázquez, Fernando Buide ou Juan Eiras, sen esquecer o repertorio dos grandes clásicos coma Beethoven, Mozart, Mahler, Brahms ou Haydn.

Directores e solistas convidados
Nesta nova temporada polo Auditorio de Galicia, ademais de Paul Daniel como director artístico e titular, Maximino Zumalave, como director asociado, e Christoph König, como principal director convidado, pasará unha representación de directores e solistas do panorama actual: Günter Herbig, Clemens Schuldt, Oliver Díaz, Pablo Mielgo, Hakan Hardenberger, Diego García Rodríguez, Manuel Hernández Silva, Paul Dombrecht e Fabio Biondi. Tamén volverá a Santiago, en marzo, o mestre Antoni Ros Marbà, director titular da Filharmonía nos últimos 12 anos. Como solistas invitados, destacan as sopranos Mariola Cantarero, Isabel Rey e Raquel Lojendio, o barítono Simón Orfila, a mezzosoprano Mireia Pintó; os pianistas Claudio Martínez Mehner, Martina Filjak, Behzod Abduraimov, Javier Perianes, Víctor e Luis del Valle e Alexander Melnikov, a violinista Carolin Widmann, o clarinetista Maximiliano Martín, o cellista Thomas Demenga ou o trompa Erik Terwilliger. A cellista da Filharmonía Barbara Switalska protagonizará un concerto en outubro no que estreará en España unha peza do holandés Van der Aa.

Como nas últimas edicións, o ciclo de abono inclúe tres recitais de piano con David Kadouch, Andrea Bacchetti e Cédric Tiberghien, que conforman o Ciclo de Piano Ángel Brage.

Baixo a marca CONect@ coa RFG, aglutinaranse diferentes concertos, de pequeno formato, orientados ao público infantil e familiar, así como concertos didácticos para centros escolares. En total serán once recitais, nos que a orquestra galega, ademais de interpretar pezas do repertorio máis clásico, introducirá novas obras acompañada por títeres.

A RFG en Vigo
A presenza da Real Filharmonía na programación cultural de Vigo confírmase na temporada que estamos a piques de inaugurar xa que a orquestra galega estará no Centro Cultural Novacaixagalicia un total de nove ocasións. Este ciclo de concertos en Vigo é posible grazas á colaboración entre a propia Filharmonía de Galicia, a Fundación Novacaixagalicia e a Sociedad Filarmónica de Vigo.

Venda de abonos
Como en anteriores edicións, establécense catro modalidades de abono: un abono completo, por 271,50 euros, e tres abonos trimestrais, con prezos que oscilan entre 84 e os 127 euros. Xunto a eles, o Auditorio de Galicia oferta abonos especiais para estudantes e xubilados (cun 50% de desconto) e abonos colectivos, para asociacións culturais e veciñais.
A compra de novos abonos poderase facer no despacho de billetes do propio Auditorio de Galicia, dende o luns 16 ata 25 de setembro. A renovación de abonos xa rematou.

Compartir: