CULTURA

A primeira edición de Sons Tránsitos, do 10 ao 12 de outubro no Teatro Principal

16/09/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou e a directora do festival, Maruchy Suárez, presentaron esta mañá en rolda de prensa Sons Tránsitos, o festival da diversidade cultural, unha proposta itinerante que chega a Santiago con artistas do talle do brasileiro Chico César ou o castelán leonés Eliseo Parra, entre outros.

O Festival traerá ao Teatro Principal sete concertos en tres xornadas, de xoves a sábado. Na primeira xornada Amesmalúa, unha proposta musical que fusiona a música galega co flamenco, presenta en Galicia o seu primeiro CD, La misma luna. Logo, Eliseo Parra, un dos principais representantes da música tradicional española, ofrecerá un concerto no que nos amosará o seu último traballo, Canciones Tradicionales de La Rioja.

Na segunda xornada (venres 11) poderemos ver a Pedro Pastor (fillo de Luis Pastor e Lourdes Guerra, e sobriño de Pedro Guerra), un cantautor novo que xa está a destacar no panorama estatal. E tamén poderemos escoitar a Chico César, un dos máis destacados representantes da música brasileira, que nos presenta o seu espectáculo Aos vivos agora, que repasa toda a súa carreira. Virá acompañado de Dani Black, un dos novos valores da música deste país.

Na última xornada poderemos gozar de tres concertos: La Musgaña, que presenta Entre dos; Pentalfa, un novo proxecto musical galego, con cinco músicos ligados a Luar na Lubre, entre os que se encontra Bieito Romero; e, por último, Acetre, un dos grupos tradicionais máis veteranos de Estremadura.

Sons Tránsitos
Tránsitos, festival da mobilidade e da diversidade cultural, iniciou a súa andadura no Auditorio de Tenerife hai agora sete anos, sendo un Festival que en pouco tempo conseguiu transcender as fronteiras do arquipélago pola súa orixinalidade na posta en marcha e pola aposta arriscada da súa programación, mantendo como prioridade a calidade dos grupos. Froito da colaboración do Festival co Concello de Santiago, en Compostela nace como Festival Sons Tránsitos.

Trátase dun evento que decidiu apostar pola itinerancia, por unha actividade cultural de calidade, innovadora e creativa baseada na música de distintas localidades de todo o Estado e do Mundo, comezando a súa nova andaina en Madrid, onde colleitou un grande éxito de público na Sala Galileo Galilei, chegando agora a Santiago de Compostela e proximamente a outras cidades como Cáceres ou Logroño.

O obxectivo de Sons Tránsitos é consolidar en Santiago de Compostela un punto de encontro da música e da cultura, fomentando a participación de todos e a diversidade que nos rodea, a través dunha programación fortemente enraizada na música tradicional. As novas formas de fusión, os ritmos máis actuais, as tendencias máis innovadoras e os sons e melodías máis acordes aos nosos días tamén terán cabida en Sons Tránsitos, que nace con vocación de continuidade no tempo.

Sons Tránsitos está producido por Mirmidón Producciones e forma parte da programación cultural do Concello de Santiago. As entradas están á venda en entradas.novagaliciabanco.es. O prezo por xornada é de 15 euros, con bonos para as tres xornadas de 30 euros ata o 25 de setembro, e logo 35 euros.

Direcciones relacionadas



Compartir: