DEPORTES

Santiago acolleu a saída e a chegada da segunda etapa da Volta Ciclista a Galicia

14/09/2013 O ciclismo de competición volveu a Santiago grazas á segunda etapa da XII Volta Ciclista a Galicia. Foron 149 quilómetros con saída e chegada na avenida de Xoán Carlos I. O gañador da etapa foi Jordi Simón, do conxunto Bicicletas Coluer, quen se colocou tamén líder da carreira.

A segunda etapa esta proba saíu da avenida de Xoán Carlos I para rodear a Alameda e seguir por Pombal, Galeras, Morón, Salvadas e Vista Alegre. No punto en que esta última conflúe coa estrada a Santa Comba, a saída deixou de estar neutralizada, iniciándose o traxecto por Torreira e Ponte do Romaño, saíndo pola Peregrina (DP-7804).

A chegada da carreira de novo a Santiago produciuse dende a zona de Montouto (AC-841), incorporándose de novo á cidade, facéndoo por Castiñeiriño, Paxonal, Amor Ruibal, Romero Donallo e Rosalía de Castro, rematando na avenida de Xoán Carlos I. Alí, o primeiro foi Jordi Simón, do Bicicletas Coluer.

Son 17 equipos os que participan nesta edición da Volta a Galicia, seis deles galegos. Os demais proceden de distintos puntos da xeografía española, e tamén de Portugal e Arxentina. Todos eles afrontan unha competición que tivo a súa primeira etapa en Vigo e que rematará coa terceira etapa na Coruña.

Compartir: