PROMOCIÓN ECONÓMICA E TURISMO

Nace unha nova guía do comercio e das tendencias da cidade

28/06/2006 "SantiaGO!" é o título dunha nova publicación que pretende ser unha guía do comercio e do estilo de vida na cidade. A iniciativa foi posta en marcha por dúas emprendedoras, Rosa Rodríguez e Raquel Peláez, coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica e co patrocinio de Turismo de Santiago.

Segundo as responsables do proxecto, a revista é "unha guía de compras, un magazine de tendencias e estilos de vida; que amosa a Compostela máis trendy e que permitirá atopar a oferta máis interesante e distinguida dos establecementos comerciais composteláns". Trátase pois dunha publicación que reune "tradición e modernidade" e que reflicte "o crecemento da cidade no ámbito que toca", en palabras do responsable de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias.

Tamén insistiu no carácter innovador da revista o xerente de Incolsa, Iñaki Gaztelumendi, quen resaltou que vén a "ocupar un lugar no que ata agora existía unha lagoa". Incolsa vaise ocupar da promoción da revista e da tradución ao inglés desta publicación, que nace cunha vocación de combinar esta lingua co galego e co castelán..

A revista editará 3.000 exemplares na súa primeira tirada, se ben as súas promotoras agardan alcanza os 5.000 números na segunda. Distribuirase nos espazos de Incolsa, entre os anunciantes e en hoteis e outros establecementos da cidade. Terá catro números anuais.

Compartir: