CULTURA

Catro novas propostas no Blues Nite para o último trimestre do ano

12/09/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou a programación do Blues Nite para o último trimestre do ano. En setembro, o día 20, estará na Sala Capitol a Vargas Blues Band e en outubro poderemos escoitar a Carvin Jones o día 30 tamén na Capitol. Decembro será o momento para o blues con denominación de orixe galega e chegará á cidade The amazing blues caravan, o día 6, con Dixie Town, Thee Blind Crows e Psychotic Acid Freek, Xa no Nadal, pero coa data e lugar por confirmar, poderemos escoitar a Adrián Costa, cantante e guitarrista de Los Reyes del K.O.

Blues Nite é un ciclo novo que o Departamento de Cultura puxo en marcha este ano ao considerar que o blues ten forza suficiente como para ter un espazo propio na programación. Nel atopamos propostas de diferentes estilos de música, todos arredor do blues e as súas variantes e fusións. Puidemos escoitar xa neste ano a Guadalupe Plata, The Brew, Mighty Calacas, Little Mike & The Tournadoes e Bakin Blues Band.

Agora preséntanse estes novos catro concertos para este último trimestre do ano e que xiran todos arredor do blues pero con moi diferentes estilos. Comezamos coa Vargas Blues Band, que levaba tempo anunciando que o seu seguinte álbum ía ser o máis duro da súa carreira, sempre baseado no blues, pero poñendo os seus ollos esta vez no nacemento do hard-rock de finais dos anos 60. E dito e feito, preséntannos ese traballo o venres 20 de setembro na Sala Capitol. Despois estará o guitarrista e cantante Carvin Jones presentando o seu novo disco, que gravou en España nos últimos meses con colaboracións de artistas españois. Acompañarano no escenario da Sala Capitol, o mércores 30 de outubro, Mike Calofano, baixo, e Gianpaolo Feola, batería, nun concerto que será o único en Galicia.

Decembro será o momento para o blues con denominación de orixe galega e chegará á cidade The amazing blues caravan e o novo traballo de Adrián Costa, cantante e guitarrista de Los Reyes del K.O. The amazing blues caravan trae un concerto á Zona C de Bonaval o 6 de decembro, no que poderemos escoitar a tres grupos galegos potentes na escena actual do blues: Dixie Town (Compostela e Vigo); Thee Blind Crows (Pontevedra) e Psychotic Acid Freek (O Grove). O cantante e guitarrista de Los Reyes del K.O. Adrián Costa ofrecerá unha actuación en solitario na súa cidade natal por Nadal. El e o seu "maquineto" (un vello sampler que sempre o acompaña e lle permite gravarse e regravarse co fin de que a xente baile), presentarán todas as influencias adquiridas neste últimos tres anos na súa residencia californiana. O blues, funky e soul necesarios para o próximo Nadal. A data e lugar para o concerto de Adrián Costa están sen confirmar.

Direcciones relacionadas



Compartir: