CENTROS SOCIOCULTURAIS

O ciclo de teatro afeccionado "FEGATEA Móvete" estrea a programación estable da Sala Agustín Magán, no CSC de Santa Marta

12/09/2013 A Concellería de Centros Socioculturais únese ao circuíto de teatro afeccionado FEGATEA Móvete 2013 acollendo catro representacións os días 14, 21 e 28 de setembro e 5 de outubro. Terán lugar na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta e no Centro Sociocultural de Vite.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, acompañado polo vicepresidente da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), José León, e polo director da compañía Ditea, Alberto Álvarez, presentou as catro representacións en Santiago deste ciclo FEGATEA Móvete, que se vén celebrando dende o ano 2006, cunha cobertura autonómica, ten por obxectivo estimular a representación teatral dos grupos da Federación. Este ano, o ciclo está dedicado á figura de Roberto Vidal Bolaño.

Este ano, aproveitando tamén a apertura da Sala Agustín Magán, este ciclo de FEGATEA súmase á ampla programación teatral que se realiza dende a rede de centros socioculturais. Así, Francisco Noya salientou o "importante traballo no eido da formación teatral, representada polos clubs de teatro que se ofrecen como actividade regular de outubro a xuño en centros socioculturais como Santa Marta, O Ensanche, As Fontiñas, Vite, Conxo, A Rocha, Castiñeiriño ou Marrozos, e polos obradoiros monográficos puntuais ofertados durante o curso sobre aspectos como a voz, o guión ou a escenografía. A isto súmase a divulgación e promoción de grupos de teatro afeccionado da cidade e da contorna.

Todo este traballo faise visible a través de diversas representacións nos centros socioculturais. Os grupos de teatro de Vite, A Rocha, O Ensanche ou Conxo son algúns dos referentes deste labor regular.

Teatro aberto
Ademais, a Concellería quere agora por en marcha unha convocatoria de teatro aberto, abrindo a sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta como espazo de ensaio e experimentación para grupos e compañías de teatro, música e outras propostas escénicas.

O ciclo
Volvendo ao ciclo FEGATEA Móvete, o concelleiro destacou a colaboración de Ditea, compañía coa que se pretende unha colaboración estable e continuada para potenciar e difundir a figura de Agustín Magán e do teatro amador compostelán e galego.

Nesta edición do programa, participarán tres agrupacións de Vigo e unha da localidade portuguesa de Verdoejo, cuxas achegas destacan pola variedade de temáticas e o interese das montaxes.

O sábado 14, ás 19:00 horas, na Sala Agustín Magán (CSC de Santa Marta), o grupo Rueiro (Vigo), representa A miña muller e o fontaneiro. Trátase dunha comedia de enredo para todos os públicos que se desenvolve nun só acto, presentando o feito da reencarnación.

A seguinte representación, o sábado 21 de setembro, no mesmo escenario e á mesma hora, correrá a cargo do grupo Atrezo Teatro, coa obra Eloxio da loucura, un drama para adultos sobre a reflexión da identidade.

A Asociación Comedias do Minho, de Verdoejo (Portugal) leva a escena o sábado 28 de setembro Lisístrata, de Aristófanes. A obra, unha comedia para adultos, apoiase en antigos rituais onde se enfrontan homes e mulleres, nun mundo ao revés.

Finalmente, o 5 de outubro, esta vez no Centro Sociocultural de Vite, pero tamén ás 19:00 horas, vez para O Trasno Novo Teatro de Vigo, coa obra Consuelo, un monólogo para adultos ao redor dos 70 anos da vida da protagonista, con algún ingrediente sorpresa.

A entrada ás representacións é de balde ata cubrir o aforo.

Semana de Agustín Magán
Seguindo con esta liña de promoción do teatro afeccionado, o concelleiro aproveitou a rolda para anunciar que o CSC de Santa Marta acollerá do 5 ao 9 de novembro a Semana de Agustín Magán, en homenaxe ao director compostelán que dá nome á sala teatral. Incluirá obradoiros infantís, unha actuación de Ditea, un acto institucional dedicado a Agustín Magán e unha pequena mostra expositiva sobre a historia de Ditea, entre outras actividades.

A escena
Estas dúas propostas encádranse á súa vez nunha programación máis ampla da Sala Agustín Magán reunida baixo o título A escena. Francisco Noya avanzou parte das actividades do vindeiro trimestre, que inclúen teatro, concertos, contacontos, baile e outras sorpresas.

Documentos relacionados



Compartir: