EXPOSICIÓN

Santiago acolle por primeira vez unha exposición canina internacional

11/09/2013 Uns 1.000 cans de 150 razas diferentes participarán o sábado 14 e o domingo 15 de setembro na Exposición Internacional Canina de Galicia. A mostra, a primeira deste tipo que se celebra na cidade, realizarase no Recinto Feiral de Amio.

A alcaldesa en funcións, Amelia González, presentou este certame, acompañado do presidente da Sociedade Canina Galega, Manuel Mera, e do delegado en Galicia de Arion (empresa patrocinadora), Jesús Muñoz. Todos eles animaron aos composteláns a achegarse ata Amio a presenciar un evento novedoso na cidade, ata a que se achegarán criadores de diversas partes de España, pero tamén de países como Estados Unidos, Francia, Austria, Bélxica, Portugal, Italia ou Alemaña.

O sábado 14 terá lugar a 66ª Exposición Canina C.A.C, mentres que o domingo celebrarase a 28º Exposición Internacional C.A.C.I.B e a 67ª Exposición Nacional Canina C.A.C. Ademais, será unha oportunidade para facer rexistros iniciais daqueles cans que sexan de raza e carezan de pedigree.

Entre os 1.000 exemplares inscritos, a raza con maior representación na exposición do sábado será o bulldog francés, con 32 exemplares, seguida do mastín español, con 27, e do bulldog inglés, con 22. O domingo, a raza máis representada volverá a ser o bulldog francés, con 35 exemplares, seguida do bulldog inglés, con 26 e o boyero de Berna, con 25.

A entrada á exposición terá un custo de 3 euros para os adultos e de 3 euros para os nenos. A empresa patrocinadora regalará un vale de 5 euros con cada entrada para trocar coa adquisición de pensos da firma. Tamén se entregará un boleto para entrar no sorteo dun ano de alimentación para un can.

Compartir: