SEGURIDADE CIDADÁ

Luis Bello fai un chamamento á cidadanía para que alerte de calquera conduta sospeitosa en relación aos incendios forestais

11/09/2013 O concelleiro de Seguridade Cidadá, Luis Bello, informou en rolda de prensa sobre o incendio forestal acontecido na xornada de onte martes no lugar da Cova na parroquia de Figueiras. Lembrou que se tratou dun lume intencionado e ficho un chamamento aos veciños para que estean "alerta" ante calquera conduta sospeitosa no monte e advirtan ás autoridades.

Luis Bello salientou a "actuación inmediata" do operativo contra incendios da Xunta de Galicia, composto por unha unidade móbil de coordinación, 9 axentes forestais, 15 brigadas, 3 palas escavadoras, 10 motobombas, 3 hidroavións, 3 avionetas lixeiras e 6 7 helicópteros. En total, dixo, traballaron en torno a unhas 80 persoas na extinción do incendio, que nalgún momento ameazou as vivendas do lugar da Cova

A todos agradeceu o seu traballo, que evitou consecuencias maiores. A falta de datos oficiais definitivos, cifrou a superficie queimada nunhas 50 hectáreas, a maioría de matogueira. Esta zona xa ardera no ano 2006.

Sobre as causas do incendio, confirmou a súa intencionalidade, xa que se atoparon tres mechas incendiarias en distintos puntos do monte. Indicou que unha delas iniciara o incendio, outra a penas ardera e outra estaba programada para que prendera probablemente pola noite. Chamou tamén a atención sobre o feito de que, nun curto período de tempo, se desencadearan lumes noutros montes de municipios veciños, o que fixo que os efectivos contra incendios se tiveran que desdobrar en determinados momentos. Ademais, apuntou que se ten constatado o uso deste sistema de prendido noutros incendios forestais.

Ao fío disto, reiterou o chamamento aos veciños para que estean alerta ante calquera conduta que puidera ser sospeitosa de intentar provocar un incendio, e para avisar con prontitude da detección de calquera lume (pódese chamar ao número gratuíto 085) Igualmente, pediu que se estremen as medidas de precaución e de seguridade para evitar lumes accidentais.

Compartir: