TURISMO

Santiago de Compostela promociónase na Estación Central de Tokio, pola que pasa cada día un millón de persoas

11/09/2013 A Estación Central de Tokio, pola que diariamente pasa un millón de persoas e na que se atopa o Centro de Información Turística, acolle durante todo o día unha presentación de Santiago e Tanabe, dentro da estratexia de promoción conxunta de ambas cidades, unidas por ser as cidades de destino das dúas rutas de peregrinación declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO: o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo.

A presentación contou coa presenza do alcalde de Santiago, Ángel Currás; do responsable da promoción turística do Concello de Tanabe, Masanori Ogawa; e do responsable de Turkish Airlines, Halil Günay. O obxectivo compartido tanto por Santiago e Tanabe como por Turkish Airlines é aumentar o fluxo de turistas entre ambos países a través do hub de Estambul, co cal Santiago ten unha nova conexión directa.

A presentación inclúe unha degustación gastronómica, aberta aos interesados que pasen pola Estación Central, de produtos típicos de Galicia e da prefectura de Wakayama, onde se atopa a cidade de Tanabe. No caso de Santiago, os produtos son conservas, aportadas por Conservas Cuca, e viño, neste caso Señoría da Regas, de Bodegas Castrobrey, que actualmente xa se comercializa no país.

O alcalde tamén mantivo unha xuntanza con directivos de Mikami Travel, unha das axencias de viaxes que máis turistas xaponeses empregan para contratar as súas viaxes a España. No ano 2012 foron máis de 10.000 os xaponeses que coñeceron España a través dos seus paquetes turísticos. O obxectivo da reunión é que Santiago adquira cada vez un maior peso nas súas ofertas para o turismo xaponés, posicionando á cidade no mercado xaponés como un destino cultural, gastronómico e de natureza.

Compartir: