CENTROS SOCIOCULTURAIS

Aberta a XXVIII Semana Cultural de Conxo

10/09/2013 O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, inaugurou a XXVIII Semana Cultural de Conxo, que se celebra do 10 ao 14 de setembro. Un ano máis, o programa trae unha variada oferta de actividades para todos os públicos.

A Semana Cultural de Conxo arrincou cunha xornada na que Kukas foi o fío condutor, primeiro cun obradoiro de máscaras e logo coa apertura dunha exposición de pintura.

O mércores 11 terá xogos e un taller de cestería, pero sobre todo destaca o acto que se celebrará ás 20.00 horas no CSC de Conxo. Alí presentarase o libro inédito de Aurelio Aguirre (quen dá nome ao centro) titulado Recuerdos de agosto. O acto, a cargo do editor e xornalista Henrique Alvarellos estará acompañado dun recital poético da actriz María Inés Cuadrado.

A xornada do xoves 12 será a do Pequeno Festival Solidario, que comezará ás 18:30 horas. A entrada, a 2 euros, e os produtos que se recollan estarán destinados ao Banco de Alimentos de Conxo. Participarán o Grupo Infantil de Teatro do CSC de Conxo, que representará Os antollos de Margarida; Fonki, con Carme e Pepe Sendón, en concerto; e o Grupo Chumpá Teatro, de Cuntis, que representará Cuntis Ville.

Para o venres 13 queda unha nova edición da xincana ciclista, tan veterana como a propia Semana Cultural, os contacontos con María da Pontragha e os contos cantados de A nena e o grilo con Magín Blanco, María Faltri e Jorge Juncal. Pola noite, proxección de cine de terror no Psiquiátrico de Conxo e presentación do filme O Apóstolo polo seu director, Fernando Cortizo.

Finalmente, o sábado 14, a praza Aurelio Aguirre acollerá o Mercado de Troco de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas. Tras o éxito da primeira edición de xuño, nova oportunidade para trocar roupa, calzado, complementos, libros música, xoguetes e xogos en bo estado. Está será tamén unha xornada de malabares, baile, xogos populares e música. Desta última encargarase o coro de gospel Vocalisse, cun concerto na capela do Cristo de Conxo.

Direcciones relacionadas



Compartir: