TRÁFICO

Unha campaña informativa informará aos distintos colectivos cidadáns sobre o novo permiso de conducir por puntos

27/06/2006 O vindeiro 1 de xullo entra en vigor o novo permiso de conducir por puntos. Con este motivo, a Concellaría de Tráfico quere informar aos diversos colectivos cidadáns sobre o funcionamento deste carné a través dunha serie de charlas informativas.

A campaña informativa o xoves 29 de xuño, na Cámara de Comercio de Santiago, cunha charla dirixida a hostaleiros e comerciantes. Continuará os días 3, 4 e 5 de xullo, con sesións dedicadas aos empresarios do Polígono do Tambre, a alumnos e profesores da Universidade e aos profesionais do transporte, respectivamente.

O concelleiro de Circulación e Seguridade Cidadá, Xosé Baqueiro, presentou esta iniciativa. Acompañouno o xefe da Policía Local de Santiago, Norberto Villaverde, que repasou algunhas das cifras do control de tráfico na cidade. No que vai de ano, a Policía Local controlou a 14.012 vehículos, fixo 2.088 probas de alcoholemia e realizou 5.555 comprobacións do cinto de seguridade.

Villaverde tamén se referiu á sinistralidade durante o pasado ano 2005, que deixou un balance dunha persoa falecida e 42 feridos graves. Destacou que a accidentalidade vén rexistrando un descenso nos últimos anos, aínda que recalcou a necesidade de os niveis de mortalidade españois descendan ata os niveis da Unión Europea. Con este obxectivo, apostou pola combinación da formación e as accións de control, tal como preconiza o carné por puntos.

Tamén interveu na presentación da campaña, o tenente xefe do destacamento da Garda Civil de Tráfico de Santiago de Compostela, Juan Rodríguez, quen insistiu tamén na redución da sinistralidade como o principal obxectivo do novo permiso, tal como sucedeu en países como Francia, Alemaña, Italia, Gran Bretaña ou Luxemburgo. Nos cinco primeiros meses do ano, rexistráronse 1.407 accidentes na provincia da Coruña, cun resultado de 36 mortos.

Pola súa parte, a xefa da Policía Local de Santiago, Ana Martínez apuntou o obxectivo que ten fixado a Unión Europea para 2010, que consiste en reducir a accidentalidade nas vías un 50%. A esta meta pretende contribuír o permiso por puntos e outras actuacións, como a instalación de 500 radares fixos, os cambios nos exames informativos ou as diversas campañas específicas.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: