CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Semana Cultural de Conxo cumpre 28 anos con outro amplo programa de actividades

06/09/2013 Do 10 ao 14 de setembro celébrase a XXVIII Semana Cultural de Conxo, que un ano máis trae unha variada programación para todos os públicos. Este ano, ademais, as xornadas culturais sitúanse entre as festas do barrio, a Mercé e o San Serapio, que completarán de xeito lúdico o programa.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, presentou esta XXVIII Semana Cultural de Conxo, non sen antes agradecer ao tecido asociativo do barrio a implicación nesta celebración e no labor sociocultural en xeral. Acompañou ao edil o responsable do Centro Sociocultural de Conxo, Xulio Noia; Marcelino de Santiago "Kukas", un dos grandes protagonistas da programación deste ano, e os dous principais responsables da organización das festas do barrio.

A Semana Cultural de Conxo arrincará o martes 10 cunha xornada na que Kukas será o fio condutor, primeiro cun obradoiro de máscaras e logo coa apertura dunha exposición de pintura. Ese día, o propio concelleiro Francisco Noya dará por inaugurada a programación.

O mércores 11 terá xogos e un taller de cestería, pero sobre todo destaca o acto que se celebrará ás 20.00 horas no CSC de Conxo. Alí presentarase o libro inédito de Aurelio Aguirre (quen dá nome ao centro) titulado Recuerdos de agosto. O acto, a cargo do editor e xornalista Henrique Alvarellos estará acompañado dun recital poético da actriz María Inés Cuadrado.

A xornada do xoves 12 será a do Pequeno Festival Solidario, que comezará ás 18:30 horas. A entrada, a 2 euros, e os produtos que se recollan estarán destinados ao Banco de Alimentos de Conxo. Participarán o Grupo Infantil de Teatro do CSC de Conxo, que representará Os antollos de Margarida; Fonki, con Carme e Pepe Sendón, en concerto; e o Grupo Chumpá Teatro, de Cuntis, que representará Cuntis Ville.

Para o venres 13 queda unha nova edición da xincana ciclista, tan veterana como a propia Semana Cultural, os contacontos con María da Pontragha e os contos cantados de A nena e o grilo con Magín Blanco, María Faltri e Jorge Juncal. Pola noite, proxección de cine de terror no Psiquiátrico de Conxo e presentación do filme O Apóstolo polo seu director, Fernando Cortizo.

Finalmente, o sábado 14, a praza Aurelio Aguirre acollerá o Mercado de Troco de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas. Tras o éxito da primeira edición de xuño, nova oportunidade para trocar roupa, calzado, complementos, libros música, xoguetes e xogos en bo estado. Está será tamén unha xornada de malabares, baile, xogos populares e música. Desta última encargarase o coro de gospel Vocalisse, cun concerto na capela do Cristo de Conxo.

Documentos relacionados



Compartir: