BENESTAR SOCIAL

O Concello colaborará con algo máis de 50.000 euros nos proxectos sociais de Proxecto Home e da Fundación Secretariado Xitano

27/06/2006 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou esta mañá dous convenios de colaboración con José Antonio Seoane Ares, presidente da Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home Galicia, e con Isidro-Juan Rodríguez Hernández, director da Fundación Secretariado Xitano. Grazas a estes acordos, ámbalas entidades recibirán 30.000 e 20.000 euros, respectivamente, para o desenvolvemento dalgúns dos seus programas sociais.

No caso de Proxecto Home, o convenio establece a colaboración para a realización de diversas actividades en Santiago de Compostela en programas como o de rehabilitación e reinserción social para persoas adictas a opiáceos. Está dirixido a toxicómanos policonsumidores (non alcohólicos), cun perfil toxicolóxicos, e psicosocial básico, caracterizado este último por grandes carencias a nivel persoal, familiar, cultural–educativo e social.

A colaboración tamén afecta ao programa destinado a persoas adictas a psicoestimulantes (cocaína e outras drogas), en concreto a consumidores cun nivel de adicción que poida permitir a ruptura co mundo das drogas dentro dunha nova perspectiva de acceso ao traballo e de responsabilidade na súa vida dende o primeiro momento. O terceiro ámbito do convenio é o programa de prevención escolar "Entre Todos", que se centra en escolares de primeiro, segundo e terceiro de ESO, e que implica no proceso de prevención a alumnos, pais e profesores. Finalmente, o ámbito de colaboración esténdese a distintos programa e servizos transversais: terapia familiar, servizo médico, servizo xurídico, traballo social ou centro de estudios.

Pola súa parte, o convenio coa Fundación Secretariado Xitano atende ás actividades enmarcadas dentro do programa Acceder, dirixido á poboación xitana do municipio de Santiago de Compostela. Esta iniciativa contén dous retos fundamentais relacionados entre si: pretende facer fronte a dous factores interrelacionados entre si: reducir os niveis de desemprego na comunidade xitana, especialmente entre a xente nove e entre as mulleres, e incrementar a participación no mercado laboral, como elemento de responsabilidade persoal, de autonomía e de emancipación respecto da estrutura familiar e das formas culturais de control, especialmente de cara ás mulleres. Con estes obxectivos desenvólvense accións de mediación intercultural, accións de orientación laboral, accións formativas e prospección e intermediación no mercado de traballo.

A Fundación Secretariado Xitano é unha entidade que realiza actividades de promoción social e desenvolvemento comunitario, encamiñadas basicamente á promoción integral e participación social plena e o recoñecemento e apoio da etnia xitana coma unha entidade social e cultural. Concretamente encárgase de xestionar as actividades dirixidas á poboación xitana a través do "Programa Operativo Plurirexional de Loita contra A discriminación do Fondo Social Europeo 2000-2006", no que se enmarca a xeneralización do "Programa Acceder" e, polo tanto, as actuacións obxecto deste convenio.

Compartir: