DEPORTES

O I Mini DH Cidade de Santiago achega o descenso en bicicleta aos máis pequenos

05/09/2013 A Granxa do Xesto acollerá o sábado 7 de setembro o I Mini DH Cidade de Santiago. Uns 80 corredores de idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos participarán nesta proba de descenso en bicicleta, organizada polo Club Ciclista Santiago DH e que conta coa colaboración do Departamento Municipal de Deportes.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou este I Mini DH Cidade de Santiago, que enmarcou no obxectivo municipal de potenciar o deporte de base. Así, esta proba quere dar a coñecer esta disciplina de descenso en bicicleta entre os máis novos, xa que, a nivel oficial, nesta modalidade só poden competir corredores a partir dos 14 anos.

Segundo explicou o presidente do Club Ciclista Santiago DH, Alberto Lado, a proba contará con participantes nas categorías prebenxamín, promesas, principiante, alevín e infantil. Pola mañá celebraranse os adestramentos libres e a primeira manga cronometrada terá lugar a partir das 16:00 horas. A segunda manga iniciarase ás 17:30 horas.

Para os participantes será obrigatorio o uso de casco integral, luvas, xeonlleiras e reforzo de cóbados ou manga longa. Cada ciclista participará coa bicicleta da que dispoña, xa que se trata de achegar esta modalidade ao maior número de nenos e nenas. De aí que tamén se preparara un circuíto doado e con alternativas con menos dificultade nas zonas de obstáculos.

Seguindo coa bicicleta de montaña, outro membro do Club, Manuel Paz, referiuse á disciplina da BMX, para a que se dispón dun circuíto no Monte do Gozo. A propósito desta pista, o concelleiro anunciou a intención municipal de acondicionar este espazo co fin de que se converta nun circuíto permanente.

Compartir: