ALCALDÍA

Comezan as celebracións do XX aniversario do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España

05/09/2013 Arrancaron as celebracións do XX aniversario do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España coa colocación nas fachadas dos concellos e noutros lugares patrimoniais de bandeirolas conmemorativas cos nomes e fotografías das 13 cidades españolas declaradas pola UNESCO Patrimonio Mundial. En Santiago, o alcalde compostelán, Ángel Currás, presidiu o acto de colocación da bandeirola, que loce xa no balcón do Pazo de Bendaña, na praza do Toural. Participou tamén a concelleira de Turismo, Reyes Leis.

O 17 de setembro de 1993 constituíase en Ávila o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Para lembrar esta data preparouse un variado programa, que se presentará o martes 10 de setembro en Toledo. Este calendario de actos abriuse coa instalación de bandeirolas xigantes nas fachadas dos concellos e noutros edificios históricos das 13 cidades Patrimonio.

Estas bandeirolas, nas que aparecen os nomes destas cidades xunto a fotografías dos seus espazos máis significativos, lembrarán ao longo do mes de setembro tanto aos seus habitantes como aos viaxeiros a conmemoración deste aniversario e o traballo en común que estes municipios veñen facendo dende hai 20 anos. Este labor céntrase na protección e conservación do seu excepcional legado patrimonial, único no mundo e así recoñecido pola UNESCO, e na promoción e difusión da súa rica oferta cultural tanto en España como en mercados turísticos estranxeiros.

Na rolda de prensa que se ofrecerá o martes 10 na Sala Capitular do Concello de Toledo, cidade que ostenta actualmente a presidencia do Grupo, darase a coñecer o programa completo de actos conmemorativos que se desenvolverán ao longo do mes de setembro e que comprende unha atractiva axenda cultural con espectáculos gratuítos en espazos patrimoniais das 13 cidades, actos institucionais en Ávila (sede oficial do Grupo) e reportaxes en prensa especializada en viaxes, entre outras accións.

A celebración do aniversario coincide, ademais, cunha intensa campaña de promoción turística na que o Grupo estará presente durante este mes en Brasil (Sao Paulo e Salvador de Bahía), India (Bombay, Bangalore e Nueva Delhi) e Xapón (Feira Internacional de Turismo JATA) para promocionar as 13 cidades a través de xornadas e reunións de traballo con axentes e touroperadores deses países e público en xeral.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España creouse en 1993 e actualmente está formado polas 13 cidades incluídas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. Foron cidades fundadoras Ávila, Cáceres, Salamanca, Santiago de Compostela, Segovia e Toledo. Posteriormente ingresaron Córdoba (1996), Cuenca (1998), Alcalá de Henares (2000), San Cristóbal de La Laguna (2002), Eivissa (2002), Tarragona (2006) e Mérida (2006).

Compartir: