CENTROS SOCIOCULTURAIS

Volve o programa Compostela Cine Classics con dez novos filmes, coloquios, obradoiros, música e unha exposición para a lembranza

05/09/2013 O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, presentou a segunda edición de Compostela Cine Classics. Tras o éxito da primeira convocatoria de 2012, este proxecto busca agora a súa consolidación como un referente na programación sociocultural da cidade. Proxectaranse dez novos filmes clásicos, pero tamén haberá coloquios, obradoiros, música, faladoiros e unha exposición.

Segundo apuntou Franciso Noya, Compostela Cine Classics quere achegar ao público, a través dos centros socioculturais, o feito cinematográfico, dende un punto de vista educativo global, mesturando proxeccións con coloquios e faladoiros con expertos, obradoiros creativos relacionados co audiovisual, actividades musicais e mesmo a exhibición dun importante traballo de produción propia que, en clave sociocultural, se leva desenvolvendo dende marzo de 2013 e que verá a luz coa montaxe dunha exposición sobre a historia dos cines de Compostela. Este ano ofrécense máis actividades paralelas ás proxeccións, mesmo algunhas para un público infantil e familiar.

Ademais, dixo, "queremos por en valor os espazos socioculturais e, nomeadamente, o novo Centro Sociocultural de Santa Marta, coa súa sala Sala Agustín Magán, na que se realizarán as proxeccións, os concertos e parte das actividades do programa". Resaltou o maior aforo que ofrece este recinto, así como a súa calidade e comodidade para o público. Tamén haberá accións nos centros do Ensanche e das Fontiñas.

As 21 actividades do programa desenvolverase dende o 13 de setembro ata o 30 de novembro. O núcleo central serán novamente as proxeccións con café dos filmes de dez grandes directores da historia do cine. As proxeccións serán ás 20:30 horas, con entrada de balde ata completar o aforo (151 espectadores). O calendario de proxeccións será o seguinte:

- Venres 13 de setembro: John Ford, As uvas das ira (1940). Café con Jorge Coira (director e guionista de cine).

- Venres 20 de setembro: Billy Wilder, O apartamento (1960). Café coa profesora Patricia Fra López.

- Venres 27 de setembro: Martín Scorsese, Taxi Driver (1976). Café con Camilo Franco (escritor e xornalista cultural).

- Venres 4 de outubro: Akira Kurosawa, Rashomon (1950). Café con José Luis Losa (director de Cineuropa).

- Venres 11 de outubro: Charles Chaplin, Tempos modernos (1936). Café con Miguel Anxo Fernández(escritor e crítico de cine).

- Venres 18 de outubro: Alfred Hitchcock, Naufragos (1944). Café con Carlos Roma (presentador de TV e cronista cultural).

- Venres 25 de outubro: Fritz Lang, Metrópolis (1927). Café co profesor Angel Luis Hueso Montón (catedrático de Histórica da Arte e Historia do Cine da USC).

- Venres 31 de outubro: Vittorio de Sica, Ladrón de bicicletas (1948). Café con Moncho Lemos (crítico de cine, TVG e Radio Galega).

- Venres 8 de novembro: Luis G. Berlanga, Los jueves, milagro (1957). Café con Ana Gontad Fontán (blogueira e investigadora da Historia do Cine na USC).

- Venres 15 de novembro: Ingmar Bergman, Fresas salvajes (1957). Café con Pela del Alamo (director e guionista, N-VI).

Música
Pero ademais de cine, esta edición de Compostela Cine Classics tamén trae dúas citas musicais, igualmente con entrada de balde ata completar aforo. O primeiro concerto, Fantasía animada, terá lugar o domingo 20 de outubro, ás 12:30 horas e está destinado a un público infantil e familiar. A segunda cita será o sábado 2 de novembro, ás 19:00 horas, co trío A Doce Vita, que ofrecerá un concerto titulado Sons de cine. Ambos eventos terán lugar na Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta.

Exposición
Outra das propostas singulares do programa é a exposición Os cines de Compostela. Fotogramas da nosa historia, que estará no CSC das Fontiñas do 5 ao 30 de novembro. Esta mostra é un repaso sentimental pola historia da nosa cidade no século XX a través dos seus cines e as súas xentes.

Entre os contidos da exposición destaca un vídeo con testemuñas de cidadáns sobre os cines da cidade e historias e anécdotas achegadas polos composteláns; fotografías de Santiago e seccións dedicadas ás xentes do cine, acontecementos cinematográficos, os cines como lugares sociais ou actores e películas compostelás.

Faladoiros
Tampouco faltarán nesta segunda edición os Classic Faladoiros, encontros abertos con especialistas arredor de diferentes aspectos do feito cinematográfico. Así, o mércores 25 de setembro, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, haberá un Faladoiro música e cine: segredos e recantos da composición de bandas sonoras, con Xavi Mont e Nani Garcia, compositores para cine e televisión.

Para o xoves 3 de outubro, ás 20:00 horas e no mesmo lugar, está prevista unha mesa redonda sobre cine de animación e, en particular, os debuxos animados galegos. Participarán Fernando Cortizo (director e guionista de O Apóstolo); Angel de la Cruz (director e guionista de Arrugas) e Tomás Conde e Virginia Curía (Algarabía Animación).

Outro dos faladoiros estará destinado a un público familiar. Será o denominado Fotogramas de ciencia: a ciencia no cine (e viceversa), con Monica Moure e David Ballestero (Ceo Aberto). A cita, o mércores 9 de outubro, ás 20:00 horas, no CSC das Fontiñas.

O último dos faladoiros titúlase Santiago e os seus cines. Un repaso pola nosa historia e celebrarase o 14 de novembro, ás 20:00 horas, tamén no CSC de Fontiñas. Ocuparase do mesmo Jesús Ángel García, profesor titular da USC e coautor do volume Os cines de Galicia.

Obradoiros
Finalmente, a Concellería de Centros Socioculturais preparou catro obradoiros, para públicos diversos, con 20 prazas cada un e con inscrición previa aberta dende o 10 de setembro ata cubrir prazas. O primeiro é un obradoiro de guión cinematográfico, destinado a un público adulto e conducido por Alfonso Zarauza, director e guionista. Celebrarase os días 24 e 30 de outubro e 6 e 13 de novembro, de 19:30 a 22:00 horas, no CSXM do Ensanche. Ten un prezo de 17 euros.

Outro dos obradoiros, neste caso con participación de balde, será o de análise de películas: Como ver cine clásico e non morrer no intento.... Realizarase o mércores 16 de outubro, de 18:00 a 21:00 horas, tamén no Ensanche.

Xa para un público infantil, de 7 a 12 anos, preparouse o Obradoiro de pequenos cineastas: rodamos unha peli. Desenvolverase do 22 ao 25 de outubro no CSC das Fontiñas, de 18:00 a 20:30 horas. O seu prezo, 14 euros.

Completan a oferta os PequeClassics, obradoiros creativos para nenos de 4 a 12 anos. O CSC de Santa Marta acollerá estes talleres do 12 ao 15 de novembro, de 18:00 a 19:30 horas.

Francisco Noya rematou a presentación de Compostela Cine Classics 2013 co agradecemento a todos os colaboradores particulares e institucionais que fan posible este proxecto compartido.

Documentos relacionados



Compartir: