URBANISMO

Colócase a primeira pedra do novo polígono residencial de Cornes

27/06/2006 Cornes contará en breve con 243 novas vivendas libres, tralo inicio das obras de urbanización do Polígono 1 do Sup-2. Os traballos teñen un prazo de execución de nove meses e medio e o orzamento é de 3.140.471 euros. A primeira pedra deste novo espazo foi colocada polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

"Estou convencido de que cando se remate esta actuación, unida ás demais que se están levando a cabo neste entorno, poderá apreciarse o cambio cualitativo que suporá para a zona sur de Santiago", apuntou Sánchez Bugallo. O aspecto arquitectónico foi tamén resaltado polo xerente de Emuvissa, José Manuel Rey Pichel, que salientou que este polígono pecha definitivamente un dos obxectivos do PXOU, como era a conexión de Conxo coa zona nova.

O ámbito de actuación alcanza os 31.550 metros cadrados, dos cales 11.760 quedarán reservados para o novo viario e 12.070 para dotacións, equipamentos e zonas verdes. A empresa Extraco será a encargada de urbanizar este polígono residencial onde a antiga estación de Renfe. As vivendas estruturaranse en edificios de sete, seis e cinco plantas.

Os detalles técnicos falan dunha obra que inclúe 8.288 metros cúbicos de demolicións, 39.184 metros cúbicos de desmontes, 5.563 metros cadrados de pavimento asfáltico ou formigón en vieiros ou 9.316 metros cadrados de pavimento de beirarrúas e zonas peonís. Na construción empregaranse 77.514 quilogramos de aceiro estrutural. E mostra das amplas zonas verdes son os 9.384 metros cadrados de céspede ornamental e os 128 árbores previstos.

O comezo das obras neste espazo foi precisamente o motivo polo que se pechou definitivamente o aparcadoiro municipal de Cornes, que se habilitara de xeito provisional no ano 2001.

Compartir: