URBANISMO

As obras de mellora da mobilidade e de incorporación de zonas verdes na Almáciga comezarán antes de que remate o ano

30/08/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, deu conta do inicio dos trámites para contratar as obras de mellora da mobilidade na Almáciga, que suporán tamén a incorporación doutros 8.060 metros cadrados de zonas verdes para a cidadanía. A intervención, incluída no programa Urbana Santiago Norte, contempla actuacións en catro ámbitos fundamentais: as rúas Basquiños e Pastoriza, un corredor verde entre os parques da Almáciga e Bonaval, a rúa Escultor Asorey e a rúa Caramoniña.

Estes proxectos teñen como obxectivo xeral a supresión das barreiras arquitectónicas e a mellora da mobilidade no barrio, recuperando os valores ambientais da zona e os seus usos públicos. Así sucederá no caso das obras de mellora da accesibilidade ás zonas altas da Almáciga dende as rúas Pastoriza e Basquiños. A superficie afectada por esta intervención será de 3.449 metros cadrados, cun orzamento de 550.822 euros e un prazo de execución de seis meses.

Trátase fundamentalmente de modificar a xeometría e o acabado da rúa Pastoriza, de tal xeito que, a pesar da elevada pendente, poida transitar sen dificultade o transporte público. Tamén se vai mellorar e adecuar as infraestruturas de servizos urbanísticos deste ámbito, ata Santa Clara, afrontando á súa vez cuestións como os distintos niveis de calzada e beirarrúa ou os obstáculos existentes para os peóns.

Corredor verde
A segunda actuación á que se referiu María Pardo foi a creación dun corredor verde que unirá o parque de Bonaval co parque da Almáciga. Destinarase un orzamento de 228.000 euros a un proxecto que contempla dúas fases.

A primeira parte, que se executará de inmediato, consiste na adecuación dunha plataforma de xiro dos autobuses escolares fóra do ámbito pechado do Colexio Santiago Apóstolo. Esta obra, cun prazo de execución de 1,2 meses, é imprescindible para poder construír o Centro Xove de Creación Cultural, tamén previsto no marco do Urbana Santiago Norte.

A segunda fase permitirá a incorporación aos equipamentos verdes da cidade dunha zona de 6.160 metros cadrados. Manterase o uso de hortas urbanas que ten unha parte e, o resto, será parque urbano. Esta obra ten un prazo de execución de seis meses.

Caramoniña e Escultor Asorey
Outra das intervencións máis significativas terá lugar na rúa da Caramoniña, comprendida entre as rúas Valle-Inclán e Escultor Asorey, caracterizada polo seu deteriorado pavimento, pola súa estreiteza e por non contar con saída nun dos seus extremos. A mellora da pavimentación ou a reorganización (ou eliminación) do estacionamento nesta rúa serán algunhas das obras a realizar.

Ademais, o ámbito de actuación estenderase á parcela lindeira, un espazo libre detrás da rúa e conectado con Bonaval, con gran potencial medioambiental e paisaxístico. Permitirá a incorporación doutros 1.900 metros cadrados de zona verde.

Na rúa do Escultor Asorey vaise intervir para mellorar as condicións de accesibilidade, traballando para paliar na medida do posible os grandes desniveis (con pendentes de máis dun 18% nalgún tramo) a través da construción de patíns. Ademais, segundo indicou a concelleira, o tráfico será dun único sentido.

Neste ámbito mellorarase a accesibilidade peonil e as condicións de acceso ás vivendas, a pavimentación e o mobiliario, facilitando a conexión co espazo libre da Caramoniña e conferindo á rúa un carácter máis estancial.

A obra en Escultor Asorey afectará a unha superficie de 840 metros cadrados, terá un orzamento de 220.000 euros e un prazo de execución de 4,5 meses. No ámbito da rúa da Caramoniña, o orzamento é de 330.756 euros e o prazo de execución de seis meses, actuando a obra sobre unha superficie de 2.650 metros cadrados.

Estes proxectos forman parte do Programa Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: