CENTROS SOCIOCULTURAIS

Ábrese a inscrición nalgunhas das actividades dos centros socioculturais para os meses de outubro, novembro e decembro

30/08/2013 A Rede de Centros socioculturais ten preparada para os vindeiros meses do ano unha variada programación nos seus 42 equipamentos diversos. A preinscrición para algunhas das actividades abrirase na primeira semana de setembro.

A programación dos centros socioculturais seguirá caracterizada pola transversalidade de proxectos socioeducativos, imbricados tanto nos barrios como nas parroquias do rural, facilitando a participación de veciños, entidades asociativas e outros axentes de dinamización sociocultural de Santiago.

As actividades articúlanse arredor de ámbitos como a animación sociocultural e a dinamización socioeducativa, a educación permanente, as artes e a cultura, a participación cidadá, as novas tecnoloxías da comunicación e da información, a lectura ou o tempo libre.

De setembro a decembro preparouse unha ampla oferta de actividades con variadas temáticas e formatos: cursos; obradoiros; monográficos vinculados ás novas tecnoloxías, á plástica, ás actividades de movemento e predeporte, ou ao coñecemento doutras culturas e linguas; exposicións; charlas; clubs de lectura, xadrez e teatro; excursións; xornadas conmemorativas nos barrios; bailes; actuacións teatrais e musicais; xogos tradicionais na rúa; servizos de biblioteca; aulas de xogo; ou aulas informáticas. Ademais, as entidades veciñais e outros colectivos seguirán desenvolvendo proxectos propios nos espazos socioculturais. Son actividades preparadas para nenos, mozos, adultos e maiores, con prioridade para os empadroados en Santiago

Todas aquelas persoas interesadas poden consultar xa na web www.santiagosociocultural.org tanto as distintas actividades ofertadas como o prazo de preinscrición para as mesmas, que comeza xa na primeira semana de setembro nos distintos centros socioculturais. No caso das actividades con límite de prazas, estas adxudicaranse, de superarse o número de preinscritos, mediante sorteo público o día que se sinale en cada centro. As actividades darán comezo no mes de outubro e de modo xeral, terán carácter trimestral.

Compartir: