PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Aberto ata o mercores 18 de setembro o prazo de presentación de solicitudes das subvencións ás asociacións veciñais de 2013

29/08/2013 O Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 29 de agosto de 2013 publica as bases das subvencións ás asociacións de veciños deste exercicio 2013. A partida total para estas axudas ascende a 64.800 euros. O prazo de presentación das solicitudes ábrese mañá, 30 de agosto, e permanecerá aberto ata o mércores 18 de setembro.

O concelleiro de Participación Cidadá, Francisco Noya, recordou recentemente en rolda de prensa que estas subvencións están destinadas na súa práctica totalidade a financiar actividades realizadas polas asociacións, reservándose un máximo dun 20% para gastos xerais de funcionamento. No exercicio anterior, 45 entidades veciñais pediran estas axudas, concedéndoselle a máis da metade o máximo para ese ano (2.000 euros, fronte aos 1.355 euros do ano 2011). Este ano, o máximo será de 1.900 euros.

Francisco Noya indicou que as bases experimentaron algunha modificación co obxectivo de simplificalas (por exemplo, coa remisión de todos os impresos necesarios) ou de evitar a entrega de documentación que xa posúe o Concello e axilizar así tramitación. Lembroulles ás asociacións que, en todo caso, o persoal dos centros socioculturais poderá asesoralas en canto á documentación a presentar, como se fixo xa o ano pasado.

Ademais disto, a novidade máis importante é que, con carácter xeral, o pago dos gastos será mediante transferencia bancaria ou cheque, se ben excepcionalmente se permitirá o pago en efectivo de facturas de ata 400 euros (IVE incluído) se na factura consta a maiores de "cobrado" ou "pagado", o nome e apelidos de quen recibe o pago, o DNI, a súa sinatura, a data, o cargo na empresa e o cuño da mesma. Todo con fin de facilitar a xustificación dos gastos realizado.

Recordatorio sobre a documentación
Por último, o edil lembroulles de novo ás asociacións de veciños (xa se fixo de xeito individual e por escrito a cada asociación) que deben ter presentado o orzamento, o balance económico do exercicio anterior, o programa anual de actividades e calquera outra modificación producida con motivo da celebración da súa asemblea xeral anual de socios ou por outros motivos previstos nos seus estatutos, co fin de manter actualizado anualmente o Rexistro Municipal de Asociacións tal e como dispoñen os artigos. 17.2 e 3 do Regulamento de Participación Cidadá. De non ser así, non poderá optar ás subvencións e quedarán excluídas da convocatoria.

Documentos relacionados



Compartir: