PROMOCIÓN ECONÓMICA

Técnicos do Concello explicarán o desenvolvemento das obras previstas na Praza de Abastos

27/06/2006 A Concellaría de Promoción Económica e Mercados repartiu na Praza de Abastos 250 folletos cos que convoca a todos os comerciantes a unha reunión na que técnicos do Concello e responsables da remodelación do recinto explicarán as características do novo proxecto de execución, que ten un orzamento de 5,4 millóns de euros. A asemblea aberta terá lugar o luns 3 de xullo, ás 19:00 horas, no Auditorio de Galicia.

O proxecto de execución orixinario, obra de Francisco Vidal, arquitecto gañador do concurso para a realización da obra, quedou desbotado cando nas catas que se fixeron no recinto antes de comezar os traballos se descubriron restos arqueolóxicos que imposibilitaban a construción dun edificio de catro plantas no contorno de San Fiz, no que se situaría un supermercado.

A aparición dos restos provocou unha modificación do proxecto de execución, levada a cabo polo propio Francisco Vidal. Este cambio, que continúa mantendo as liñas básicas do estudo de Mercasa para garantir o éxito comercial da Praza de Abastos remodelada, elaborouse logo de diversas reunións de traballo mantidas entre o responsable do proxecto, os responsables políticos e técnicos do Concello e os membros da directiva da Praza de Abastos.

Na reunión, Francisco Vidal explicará as características técnicas do novo proxecto de execución. Pere Xavier Sirvent, director do Instituto Municipal de Mercados de Barcelona e experto en política comercial e organización de mercados que supervisa o proxecto, explicará como os cambios introducidos responde ás necesidades comerciais do recinto para adecuarse aos novos hábitos de compra. Javier Fernández, arquitecto do Concello responsable do Casco Histórico, explicará as premisas técnicas e normativas que ten que cumprir o proxecto e as obras pendentes. Finalmente, Rocío Montañés, xefa de servizo do departamento de Contratación do Concello, explicará os parámetros legais nos que se enmarcan as obras proxectadas.

Compartir: