OBRAS

Adxudícanse sete novas obras en vieiros e redes de saneamento do rural

27/08/2013 As respectivas mesas de contratación adxudicaron sete das obras incluídas no Plan de Obras e Servizos (POS 2013) da Deputación Da Coruña para mellora de vieiros e do saneamento nas parroquias do rural compostelán, segundo anunciou en rolda de prensa a concelleira de Obras e Infraestruturas, María Pardo. A previsión é que estas obras poidan comezar a mediados do mes de setembro.

Catro destas obras irán á Xunta de Goberno do xoves 29 de agosto. Son as de mellora e acondicionamento dun vieiro en Frades (A Barciela), por importe de 27.814 euros máis IVE e un prazo de execución de tres meses; dun vieiro no Eixo (San Cristovo), por 20.520 euros máis IVE e tres meses; e doutro vieiro en O Castro (Bando), por 23.567 euros máis IVE e tres meses; e as de acondicionamento de vieiros na parroquia de Sabugueira, por 60.254 euros máis IVE e un prazo de execución de seis meses.

Tres obras máis quedan pendentes da ratificación do Goberno local: mellora e acondicionamento de vieiros na parroquia de Marantes, cun tipo de licitación de 48.373 euros máis IVE e un prazo de execución de seis meses; mellora e acondicionamento de vieiros na parroquia de Bando, por 36.224 euros máis IVE e tres meses; e ampliación da rede de saneamento no lugar da Silvouta, cun tipo de licitación de 27.564 euros máis IVE e un prazo de execución de tres semanas. Esta última obra permitirá colocar 294 metros de tubaxe polos bordos da estrada AC-543 (Vidán) e AC-550 (Noia).

A estas sete obras hai que sumar outras dúas, agora en tramitación e tamén correspondentes ao POS 2013, que se adxudicarán en breve. Son as de ampliación das redes de saneamento e abastecemento en Lavacolla, por 66.902 euros e un mes de execución; e as de ampliación da rede de saneamento en Sarela de Arriba (A Peregrina), por un importe de 106.554 euros en un prazo de execución de tres meses.

Como consecuencia das baixas producidas nestes procedementos de adxudicación –indicou a edil- poderase executar algún outro proxecto complementario. Ademais, en paralelo, xa se traballa na redacción dos proxectos que se presentarán para ser financiados polo POS 2014.

Compartir: