NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Clases de conversa en galego dende outubro

27/08/2013 A Concellaría de Normalización Lingüística convoca un programa aberto de clases de conversa en galego que comezará o 1 de outubro. O obxectivo desta proposta é ofrecer un espazo no que adquirir e practicar o galego falado.

A iniciativa está dirixida a persoas que proceden doutras comunidades lingüísticas e que desexan comezar a falar na nosa lingua e tamén a todos aqueles que, malia teren coñecementos previos de galego (mesmo unha alta competencia escrita ou oral), precisan de espazos nos que poñer en práctica as súas destrezas para se sentiren seguros na conversa ou mesmo para superar as barreiras e animárense a utilizar o galego oral.

A organización destas clases de conversa procurará ser flexible e adaptarse ás necesidades de cada persoa. Por iso cabe a posibilidade de asistir ao número de sesións semanais que se prefiran (entre unha e catro) e tamén de manter a asistencia durante o tempo que se desexe.

O obxectivo desta formación non vai ser obter un título ou superar unhas probas, senón adquirir uns coñecementos e, sobre todo, ter ocasión para practicar unhas habilidades que para moitas persoas resultan complicadas tendo en conta a situación sociolingüística do galego. Evidentemente, os coñecementos que se adquiran poderán ser asemade útiles para alcanzar as esixencias das certificacións oficiais.

As clases estarán guiadas por un lingüista, mais centraranse na conversa e na práctica oral dos participantes. Cando así se requira, facilitaranse explicacións ou documentación máis teórica.

Para anotarse a este programa cómpre unicamente enviar un correo electrónico ao Departamento de Lingua Galega (dlg@santiagodecompostela.gal), se é posible coa folla de inscrición cuberta, ou tamén entregala nun dos Rexistros municipais.

Documentos relacionados



Compartir: