ALCALDÍA

O Concello recibirá esta semana a parcela de 3.600 metros cadrados na que se construirá a nova área recreativa de Angrois

26/08/2013 A cesión dos terreos de Adif en Angrois nos que se construirá unha área recreativa formalizarase esta semana. Así o anunciou a ministra de Fomento, Ana Pastor, na reunión que mantivo en Raxoi co alcalde compostelán, Ángel Currás, e con representantes da Asociación de Veciños de Angrois.

O Concello recibirá así un terreo de 3.600 metros cadrados no que se construirá unha "área de recreo para todos", dixo a ministra, respondendo así a unha vella demanda dos veciños de Angrois. Esta área de lecer disporase ao outro lado da vía e a carón do Camiño da Prata.

O alcalde agradeceu a Ana Pastor a súa "sensibilidade dende o primeiro minuto" con esta demanda dos veciños de Angrois e a súa vontade de colaboración. Os agradecementos chegaron igualmente do vicepresidente da Asociación de Veciños de Angrois, Martín Rozas, quen valorou a colaboración do Goberno español, da Xunta e do Concello con "todas as persoas que axudaron no accidente".

Ángel Currás, que estivo acompañado na xuntanza pola concelleira de Urbanismo, María Pardo, non quixo dar datas sobre o remate desta área recreativa, pero indicou que, unha vez formalizada a cesión dos terreos, se procederá á redacción do proxecto. Tamén anunciou que se vai arranxar o acceso á parroquia dende a estrada N-525.

A propósito dos veciños de Angrois e de todos os profesionais que prestaron a súa axuda na traxedia, a ministra anunciou que propuxo ao ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel García-Margallo, o outorgamento da Orde do Mérito Civil a estes cidadáns. Ademais, Ana Pastor referiuse ao proceso xudicial sobre o accidente de Angrois, apuntando que "seguimos traballando todos para que algo así non volva a ocorrer, e traballando co xulgado de instrución de Santiago para facilitar o seu labor, saber a verdade e as causas do accidente".

Ademais do alcalde e da ministra de Fomento participaron na reunión a concelleira de Urbanismo, María Pardo; o secretario de Estado de Infraestruturas, Rafael Catalán, e técnicos de Adif. A representación da Asociación de Veciños de Angrois estaba composta polo seu presidente, Xosé Anxo Puga; o vicepresidente, Martín Rozas; e o secretario, Isidoro Castaño.

Compartir: