TURISMO

As pernoctacións creceron un 14,9% en Santiago no mes de xullo

23/08/2013 O número de pernoctacións en Santiago rexistrou un crecemento importante durante o mes de xullo, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). A cidade alcanzou as 123.300 pernoctacións, o que representa un crecemento do 14,9% respecto do mes de xullo do 2012. O crecemento apoiouse tanto no aumento no número de pernoctacións domésticas coma de pernoctacións internacionais, que no 2013 continúan alcanzando as mellores cifras da historia na cidade.

No mes de xullo houbo 70.032 pernoctacións de turistas españois en Santiago, que representan un aumento do 13,1% respecto do mes de xullo de 2012. Trátase dun dato moi importante para a cidade, posto que rompe a tendencia á baixa na demanda doméstica que comezou no 2011 debido á crise económica que está a vivir o país.

O crecemento do mes de xullo nas pernoctacións domésticas permitiu que entre xaneiro e xullo o turismo español sumase 347.762 pernoctacións, que implican un lixeiro crecemento do 0,4% respecto ao mesmo período do ano pasado. Houbera caídas moi importantes no mesmo período dos anos 2012 e 2012. No ano 2012 foi do 15,6% e no 2011 do 22,9%. Así, os datos ata xullo parecen indicar que se detivo a baixada do turismo doméstico.

Pola súa banda, o turismo internacional continuou consolidando o seu crecemento en Santiago. No mes de xullo houbo 53.268 pernoctacións internacionais, un 17,3% máis que no mes de xullo de 2012. Deste xeito, o turismo internacional continúa crecendo con forza respecto ao ano 2012, que xa fora o mellor da historia no número de pernoctacións foráneas na cidade.

No acumulado anual, as pernoctacións de turistas internacionais alcanzan xa as 248.821, que representan un aumento do 12,4% respecto aos primeiros sete meses do ano 2012. Este crecemento continuado no último par de anos do turismo internacional está permitindo que se esta modificando a estrutura da demanda turística de Santiago, na que cada vez ten maior peso o turismo internacional.

Os bos datos de xullo tanto de turistas españois coma estranxeiros permitiron que entre xaneiro e xullo o número de pernoctacións totais na cidade chegase ás 596.583, que representan un crecemento do 5,1% respecto ao mesmo período do ano 2012, de tal xeito que o 2013 parece que pode marcar un punto de inflexión respecto ás baixadas dos anos 2012 e 2011.

Dende Turismo de Santiago considérase que os datos de xullo avalan as previsións da empresa municipal respecto do verán, que presentou a concelleira de Turismo, Reyes Leis, o pasado 27 de xuño. Reyes Leis estimaba que o turismo internacional continuaría crecendo durante o verán dun xeito importante e lembrou o plan de promoción internacional da empresa pública, que incluía accións nos principais mercados para a cidade: Alemaña, Italia, Francia e Reino Unido, pero tamén noutros mercados considerados oportunidades e que están a vivir un crecemento relevante: EEUU, Xapón, Rusia, Irlanda, Bélxica ou Noruega.

Reyes Leis tamén apuntou que no verán de 2013 podía deterse a tendencia á baixa do turismo doméstico, que no mes de xaneiro deste ano viviu o seu primeiro mes de crecemento, despois de 24 meses de caídas continuadas, entre xaneiro do 2011 e decembro do 2012.

Compartir: