CIDADE HISTÓRICA

A revisión do Plan Especial da Cidade Histórica buscará melloras na conservación do patrimonio e na calidade de vida

23/08/2013 A revisión do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica será aprobada en Xunta de Goberno o luns 26 de agosto. Iniciaranse así os trámites para a redacción desta modificación, que terá un custo de 452.000 euros, sufragados a partes iguais polo Concello e a Xunta de Galicia.

A concelleira de Urbanismo e Cidade Histórica, María Pardo, explicou que esta revisión terá como preocupación fundamental a sostibilidade, tanto ambiental, como social e económica. "Búscase promover melloras no estado de conservación do patrimonio construído, ao tempo que se mellora a calidade de vida da poboación, en base a estratexias baseadas na economía local, a´si como na diversificación de funcións, destinatarios e usuarios da Cidade Histórica", dixo.

Entre os obxectivos da revisión do Plan citou: a prioridade residencial; a revitalización da cidade histórica baseada na mestura equilibrada de usos; a regulación de actividades mediante normas urbanísticas e ordenanzas flexibles; a recuperación do equilibrio urbano, social e económico; a integración da cidade histórica na trama da cidade; a garantía da accesibilidade e da conectividade; a protección dos valores paisaxísticos; a protección e posta en valor dos valores históricos e formais dos espazos e edificios; o establecemento das condicións ás que se deben someter as edificacións de nova planta e as substitucións de edificios non catalogados; a ordenación da estrutura viaria; ou o establecemento de canles de seguimento e avaliación do Plan.

A redacción deste Plan Especial terá sete fases: información urbanística e diagnóstico, anteproxecto de planeamento como documento de inicio, informe de sostibilidade ambiental, documento para a aprobación inicial, proposta de memoria ambiental, documento para a aprobación provisional e documento para a aprobación definitiva. As propostas presentadas serán analizadas por un comité de expertos, composto por representantes das Administracións implicadas e por profesionais de recoñecido prestixio.

O custo do documento será de 452.000 euros, achegados a partes iguais por Xunta de Galicia e Concello de Santiago. As partidas autonómicas distribuiranse do seguinte xeito: 20.000 euros en 2013, 66.000 euros en 2014 e 2015 e 74.600 en 2016; mentres que o Concello achegará 76.000 euros en 2014 e 2015, e 74.600 euros en 2016.

Brandía e praza de Vigo
Acompañou a María Pardo na rolda de prensa o concelleiro Juan de la Fuente, quen falou da adxudicación nunha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno das obras de rehabilitación da segunda planta da Casa de Brandía, utilizada na actualidade como Centro Sociocultural de Vidán. Estas obras teñen un prazo de execución de tres meses, cun custo de 175.844 euros, que achega a Deputación da Coruña.

O proxecto de rehabilitación da Casa de Brandía permitirá acondicionar a segunda planta este espazo para centro sociocultural en Vidán (a primeira planta xa funciona como tal). Acometeranse obras de albanelaría, carpintería interior e exterior, instalacións eléctricas, pavimentos e pintura, co que se conseguirá o acabado final da construción. Tamén se solucionará a accesibilidade ás plantas superiores coa instalación dun ascensor.

Tamén nesta Xunta de Goberno aprobouse o proxecto de reforma da praza de Vigo. Grazas a esta actuación, a praza contará cun parque infantil, cun circuíto saudable e con axardinamento e mobiliario renovados. O orzamento da obra é de 145.200 euros.

Compartir: