TRÁFICO

O radar do Hórreo activarase o 5 de setembro

23/08/2013 O concelleiro de Tráfico e Mobilidade, Luis Bello, anunciou que, a partir do 5 de setembro, estará activo con fins sancionadores o radar fixo instalado no túnel do Hórreo. O dispositivo, que xa está funcionando en probas dende o 9 de maio, detectou nas últimas semanas incrementos nas velocidades medias ao paso polo túnel, o que aconsellou a súa posta en marcha canto antes, unha vez que se teñen as autorizacións e certificacións pertinentes.

Este dispositivo fixo poderá colocarase en calquera dos dous tubos do túnel do Hórreo, polo que cada día circulan uns 28.000 vehículos. O concelleiro negou calquera "afán recadador" e agarda que a presenza deste radar teña efectos disuasorios e así se logre unha maior seguridade no túnel.

O do Hórreo será o primeiro radar fixo que se active en Santiago de Compostela. Na noite do 4 ao 5 de setembro serán descubertos os paneis informativos instalados a uns 400 metros dos accesos a ambos tubos do túnel, coa mensaxe de "Control de radar".

Segundo explicou a oficial Diana Parente, as imaxes captadas polo radar serán recollidas no centro de control de pantallas da Policía Local. As fotos que delate un exceso de velocidade serán tramitadas por Xestión de Multas, como ocorre con todas as sancións municipais.

Atendendo ao cadro actual de sancións de tráfico, os excesos de velocidade supoñen multas cos seguintes baremos: un mínimo de 100 euros (por superar en 1 e ata 20 quilómetros/hora o límite establecido); 300 euros (de 21 a 30 km/h máis do límite); 400 euros (de 31 a 40 km/h máis do límite); 500 euros (de 41 a 50 km/h máis do límite); e un máximo de 600 euros cando la agulla do marcador supera en máis do dobre a velocidade permitida para o tipo de vía. Non obstante, todos os radares teñen unha certo marxe de erro, aplicables directamente aos límites de velocidade legalmente establecidos en cada vía e de modo favorable aos condutores.

Ademais, indicou Diana Parente, as multas dos radares poden supor tamén unha perda directa de ata seis puntos na conta particular do condutor cando se trate de infraccións moi graves, e de dous e catro puntos cando a infracción sexa grave. Tamén lembrou as infraccións penais, cando os condutores exceden en 80 km/h a velocidade establecida en zonas interurbanas. Así, no caso dunha travesía sinalizada a 50 km/h, serían infraccións penais velocidades superiores a 130 km/h.

Compartir: