URBANISMO

A praza de Vigo terá unha imaxe máis humanizada e contará cun parque infantil e cun circuíto biosaudable

21/08/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, anunciou a aprobación pola Xunta do Goberno do xoves 22 do proxecto de reforma da praza de Vigo. Grazas a esta actuación, a praza contará cun parque infantil, cun circuíto saudable e con axardinamento e mobiliario renovados. O orzamento da obra é de 145.200 euros.

María Pardo explicou que esta intervención, que atende unha vella demanda veciñal, pretende crear unha área que permita o xogo e o coidado dos nenos polos adultos nunha zona próxima ás súas residencias. Apóstase tamén por "humanizar" este espazo público, que na actualidade presenta un aspecto de abandono. A edil confía en que as obras poidan comezar antes de final de ano.

A Xunta de Goberno aprobará un proxecto que inclúe nesta ocasión a proposta de ideas a partir da memoria redactada polos servizos municipais. A intervención divídese en dúas partes: a obra civil e a xardinería, e a parte que inclúe os xogos infantís, o circuíto biosaudable, o mobiliario e xogos de auga no estanque existente.

Así, no capitulo da obra civil e xardinería, as propostas deberán asumir as novas plantacións, a construción de valos e portas ou a reubicación dos bancos existentes, entre outros aspectos. Xa no eido particular da xardinería, plantarase unha nova árbore e as especies arbustivas situaranse segundo os planos xa delimitados.

Os licitadores terán ampla liberdade para propor modelos de parque de xogos infantís, tipos de elementos de xogo e chans de seguridade. En calquera caso, a área de xogos deberá facilitar o seu uso por nenos e nenas de distintas idades e condición física, asegurando igualmente o acceso daqueles con mobilidade reducida.

No caso do circuíto biosaudable, este terá que ter elementos axeitados tanto para o acondicionamento físico como de saúde integral. Os aparellos situaranse nos lugares dispostos no plano da memoria e estarán acompañados de carteis informativos sobre o circuíto e sobre cada elemento.

Fonte automatizada e valo perimetral
O mobiliario desta nova área estará integrado por bancos, papeleiras, carteis e fontes. En relación a estas últimas, o pequeno estanque existente deberá contar cun sistema automatizado formado por un ou varios difusores que supoñan un complemento estético e, ao mesmo tempo, un xogo para os nenos.

Outra das actuacións máis importantes na praza será a colocación dun valo perimetral, cunha altura de 1,5 metros, que permitirá pechar o parque pola noite. Terá catro portas, cun peche único para todas. A zona axardinada tamén estará protexida por un valo, pero neste caso de 0,90 metros de altura.

Compartir: