VÍAS E OBRAS

A Casa de Brandía terá remodelada a súa segunda planta en novembro

20/08/2013 O concelleiro da Brigada de Vías e Obras e Xestión Ordinaria de Servizos Básicos, Juan de la Fuente, anunciou a adxudicación na Xunta de Goberno do xoves das obras de rehabilitación da segunda planta da Casa de Brandía, utilizada na actualidade como Centro Sociocultural de Vidán.

Estas obras teñen un prazo de execución de tres meses e deberán estar rematadas antes do 15 de novembro. O proxecto ten un custo de 175.844 euros, que achega a Deputación da Coruña, grazas a un convenio asinado o pasado 6 de xuño entre o alcalde, Ángel Currás, e o presidente da entidade provincial, Diego Calvo.

O proxecto de rehabilitación da Casa de Brandía permitirá acondicionar a segunda planta este espazo para centro sociocultural en Vidán (a primeira planta xa funciona como tal). Acometeranse obras de albanelaría, carpintería interior e exterior, instalacións eléctricas, pavimentos e pintura, co que se conseguirá o acabado final da construción. Tamén se solucionará a accesibilidade ás plantas superiores coa instalación dun ascensor.

O edificio a rehabilitar atópase nunha leira de Brandía, e linda co río Sarela e a estrada xeral de Santiago a Noia. A casa, cunha superficie total de 463 metros cadrados, albergou dende a súa construción a principios do século XIX unha residencia de Xesuítas, pasando posteriormente a ser de uso particular.

Compartir: