ALCALDÍA

O alcalde solicitará a ADIF a construción dun parque recreativo en Angrois

19/08/2013 Co inicio do novo curso político, o alcalde compostelán, Ángel Currás, quixo repasar algúns dos novos proxectos e actuacións previstas para os vindeiros meses. Nesta rolda de prensa anunciou unha próxima reunión co Ministerio de Fomento e con ADIF para falar sobre a construción dun parque infantil e recreativo na parroquia de Angrois.

Ángel Currás apuntou que a posibilidade deste parque xa fora falada cos veciños de Angrois antes do accidente ferroviario. Agora, insistirase a ADIF para que constrúa a devandita área recreativa nuns terreos situados ao outro lado da vía, a carón do Camiño da Prata, e propiedade de ADIF. Indicou que atopou "sensibilidade" por parte de Fomento e de ADIF e agarda que se poida pechar este tema nunha próxima reunión.

Tamén en relación a Angrois e ao parque de Fontiñas que lembrará ás vítimas e aos veciños desta parroquia, apuntou que se manterán contactos con escultores de prestixio co fin de que un deles poida realizar unha obra que "simbolice a solidariedade da cidade e o recordo da traxedia". Por iso, afirmou que posiblemente se precisen de catro a seis meses para ter lista esa escultura.

Presenza en Xapón
Outro dos anuncios do alcalde foi o da súa presenza en Xapón nunha visita institucional e para participar na feira turística máis importante do país nipón, IATA, que se celebra do 12 ao 15 de setembro. O obxectivo desta viaxe, dixo, é "abrir horizontes de promoción turística e atraer visitantes dun dos mercados máis interesantes para a cidade". Neste sentido, lembrou que, en 2012, 6.700 xaponeses visitaron a cidade, cifra que se incrementará neste 2013 pola apertura por Turkish Airlines do voo con Estambul, que permite a conexión directa con Tokio.

Esta presenza en Xapón aproveitarase para manter contactos con touroperadores, prensa e axentes do sector turístico. O alcalde tamén realizará unha parte do Camiño de Kumano Kodo e reunirase co alcalde de Tanabe, cidade coa que está irmandada Santiago grazas á súa ruta de peregrinación. Ademais, o Centro do Patrimonio do Kumano Kodo acollerá unha exposición fotográfica sobre Santiago.

Revisión do Plan Especial
Tamén se vai afrontar nos vindeiros meses a redacción do Plan Especial do Casco Histórico, grazas a un convenio coa Xunta que contempla un investimento de 452.000 euros. Segundo indicou Ángel Currás, a intención do Goberno municipal é que na formulación deste documento participen profesionais de recoñecido prestixio, sempre baixo a premisa da "máxima protección e conservación do Casco Histórico".

Obras
En canto a obras, o rexedor referiuse especialmente ás do rural, con actuacións como as melloras de 18 pistas e de tres redes de saneamento, por importe de 628.000 euros. Tamén con financiamento da Deputación da Coruña, pero nesta caso a cargo do denominado DTC, xa están en execución obras por un millón de euros.

Seguindo con obras, en setembro iniciaranse as de reurbanización do SUNP-11 do Castiñeiriño, cunha partida para este 2013 de 400.000 euros, e tamén as da Finca do Espiño, cuxa acta de replanteo se asinará esta semana.

Na Alameda hai dúas actuacións previstas, a da cafetería e a do estanque, que tamén comezarán en setembro. A propósito deste parque, o alcalde anunciou que se vai encargar a redacción dun proxecto para acondicionar o muro da zona do Pombal, e outro para a mellora do acceso a Santa Susana.

Outras obras que se intensificarán no vindeiro mes serán as da fortaleza da Rocha Forte (1 millón de euros de orzamento). E no Ensanche, acometeranse novas fases de melloras en calzadas e beirarrúas en zonas como a praza de Vigo ou a rúa da República Arxentina. Tamén en setembro, iniciarase o derrubo das terrazas de Vista Alegre, proxecto incluído no Urbana Santiago Norte e cun orzamento de 1,5 millóns de euros.

Auditoría enerxética
Un dos proxectos prioritarios para os vindeiros meses será a adxudicación do novo contrato de subministro e mantemento do alumeado. Previamente a esta, realizarase unha auditoría enerxética (36.000 euros), na que se analizará a situación e consumos das 26.000 luminarias coas que conta Santiago de Compostela. O alcalde estima que coa substitución de lámpadas actuais por leds e con outras medidas se pode lograr aforrar un 40% na factura enerxética.

Tamén en breve se sacara a licitación o novo contrato de mantemento dos parques da cidade, subliñou o alcalde, que comunicou igualmente o encargo realizado á concelleira de Facenda para que se inicie canto antes a redacción dos orzamentos de 2014.

Compartir: